Á máxima de "non todos somos iguais", Pontón reivindica a política limpa do BNG fronte a corrupción do PP e o PSOE

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou a política como a mellor ferramenta que ten a xente para cambiar o que non funciona e crear sociedades máis xustas e iguais e, nun momento no que se suceden os presuntos casos de corrupción do bipartidismo PP-PSOE, reivindicou a maneira limpa do BNG de facer política.
“Quero reivindicar a política porque cando a cidadanía abandona a política avanzan os privilexios, a desigualdade social e o autoritarismo”, alegou Pontón, preocupada polo descrédito e a desafección que provoca a corrupción sistémica das forzas estatais, que contrapuxo coa “política honesta do BNG”.
“Practicamos unha política que pensa no ben común, que pon por diante os intereses dos galegos e das galegas, porque non todos somos iguais e en tras 40 anos de historia podemos dicir coa cabeza alta que non temos nin unha soa condena por corrupción. Nós estamos en política para transformar Galiza”, proclamou, no acto de presentación dos cabezas de lista ás eleccións locais nos concellos da comarca Condado Paradanta.
De cara ás eleccións do 23M de 2027, Pontón instou a ir a por todas, a non poñerse límites para acadar o maior número posible de alcaldías, de concelleiros e concelleiras, tendo en conta que o BNG está no seu mellor momento, pero que hai que redobrar esforzos.
“Estamos nun gran momento pero tamén é certo que a leira hai que traballala, poñer o mellor de nós cada día, presentar as mellores candidaturas, os mellores proxectos para cada concello, con ambición e con ilusión, desde a confianza nas nosas propias forzas. Por iso pídovos que todos e todas demos o mellor de nós mesmas para empurrar este gran proxecto que é o BNG a favor dos nosos concellos e a favor de Galiza”, reclamou.
Nese sentido, destacou o modelo municipal de éxito do Bloque, “porque cando gobernamos hai transparencia e igualdade, poñemos ás persoas no centro, aportamos dinamismo económico e social, defendemos servizos públicos de calidade, o noso territorio e unha Galiza de futuro”, explicou.
Con ese aval, Pontón expresou o seu convencemento de que o BNG dará “un gran salto adiante” o 23M, que será a forza que máis medre, fronte a un Partido Popular desleal con Galiza que goberna en contra das maiorías socias, como demostra cos seus recortes e privatizacións da sanidade, a especulación coa vivenda ou cando permite que se faga negocio coa vellez. Un goberno do PP que pretende recortar dereitos dos e das traballadoras.
“Rueda propón medidas cuxa legalidade é cuestionable porque consiste en pagarlle máis ós facultativos que acorten o tempo das baixas, lonxe de investir na sanidade pública para evitar que os procesos se prolonguen o que quere é que a xente enferma vaia traballar e por riba coaccionando ós médicos e médicas, que xa lle responderon ao PP que non van aceptar as súa chantaxe, nin que cuestionen a súa profesionalidade”.
O Partido Popular, denunciou, goberna para unha minoría como se ve no espolio eólico mentres veta a tarifa eléctrica galega para ter unha factura da luz máis barata, “e agora propón barra libre á megamineria contaminante, para que unha presa de multinacionais exploten a nosa riqueza mineira a cambio de migallas. Terá en fronte a sociedade, que xa parou ALTRI e parará este novo espolio”, concluíu.