“A miña intención é ser candidata, creo no traballo que estamos facendo e temos aínda moito que aportar”

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, prepárase para as próximas eleccións municipais como cabeza de lista do PSOE
marta-rouco-alcaldesa-de-vilalba
7 Sep 2026

Achegámonos ao final da lexislatura. Fáganos un resumo do feito ata hoxe?

É difícil resumir tres anos de traballo en poucas palabras, pero creo que hai unha idea que define ben o que fixemos: tentamos poñer o Concello ao servizo dos problemas reais da xente e do día a día de Vilalba. Iso tradúcese en cuestións moi concretas. Avanzamos nun problema histórico como o ciclo da auga, con actuacións como o tanque de tormentas e as obras de saneamento de Plácido Peña, que comezarán despois das festas cun investimento dun millón de euros. Melloramos tamén a limpeza e a recollida de residuos co novo contrato do lixo e reforzamos as políticas de conciliación coa apertura do Punto de Atención á Infancia, a ampliación dos madrugadores e a posta en marcha do Concilia na Tarde. Traballamos tamén para mellorar a Vilalba na que vivimos, actuando en moitas das vías, nas parroquias, nas rúas e nos espazos públicos, con fondos propios e en colaboración con outras administracións. E hai unha terceira parte que para min é fundamental: queremos unha Vilalba con actividade e oportunidades. Por iso apostamos por traer eventos, manter unha programación durante todo o ano e colaborar en proxectos que poden xerar emprego e novos servizos, como a futura residencia de maiores e centro de día no antigo Hotel Villamartín. Pero, máis alá das obras e dos proxectos concretos, creo que estes tres anos están definidos por unha maneira de gobernar: estar, escoitar e intentar dar respostas. Porque unha lexislatura non se mide só polas obras que inauguras, senón tamén por se unha familia ten máis facilidades para conciliar, se unha parroquia ten mellores accesos, se mellora un servizo ou se unha persoa nova ve máis posibilidades de construír aquí o seu futuro. E ese é o balance que me gustaría que fixesen os veciños: se Vilalba está hoxe un pouco mellor que hai tres anos.

Que quedaría pendente por facer este ano?

Sempre quedan cousas por facer. E creo que tamén é unha boa nova: significa que temos proxectos, prioridades e ganas de seguir avanzando. Se tivese que destacar unha especialmente importante, sería avanzar no ciclo da auga, porque falamos dun problema histórico de Vilalba e dunha demanda que os veciños e veciñas nos trasladan continuamente. Estamos dando pasos importantes e queremos que esas melloras sexan unha realidade canto antes. E, a partir de aí, seguir traballando no día a día, que é onde realmente se mide a xestión municipal: hai proxectos grandes que se inauguran e saen na foto, pero tamén hai moitas pequenas cousas que, cando se resolven, fan máis doada a vida da xente.

Confírmanos que seguirá á fronte do PSOE para os próximos comicios?

Si, a miña intención é seguir. Creo no traballo que estamos facendo e creo tamén que aínda temos moito que aportar a Vilalba. Levamos tres anos moi intensos, coñecendo de primeira man as necesidades da vila, e teño ganas de seguir traballando para darlles resposta. Se os veciños e veciñas nos dan a súa confianza, aí estaremos.

Que proxectos hai pensados para os próximos catro anos?

Temos varios proxectos importantes en marcha e outros nos que estamos traballando. Un dos grandes retos é, sen dúbida, o ciclo da auga, porque aquí temos que pensar non só no presente, senón tamén no Vilalba dos próximos anos. Agora mesmo imos acometer a renovación do saneamento da rúa Plácido Peña, coa colaboración da Confederación Hidrográfica, cun investimento de preto dun millón de euros, e estamos traballando tamén nun proxecto para instalar uns novos decantadores que nos permitan solucionar o problema da turbidez. Pero temos claro que necesitamos ir máis alá: Vilalba necesita unha nova captación de auga. A auga é cada vez máis escasa e esa nova captación é fundamental para garantir o abastecemento no futuro e tamén para poder mellorar o servizo na zona rural. É unha infraestrutura cun custo importante que o Concello non pode asumir en solitario, e por iso necesitamos da colaboración doutras administracións, especialmente de Augas de Galicia. E aquí hai unha cuestión que creo que é de xustiza: dende 2012 os vilalbeses levan achegado máis de 1,5 millóns de euros a través do canon da auga e non retornou nin un só euro a Vilalba en forma de investimento. Non pedimos un trato de favor; pedimos que o criterio sexa a necesidade e non a cor política. Ademais, o ano que vén temos que renovar a actual concesión do servizo da auga, e queremos aproveitar esa oportunidade para pensar ben que modelo necesitamos para os próximos anos. E hai actuacións máis concretas, pero moi importantes para os veciños, como a renovación da traída da rúa Cidade de Viveiro, onde se producían avarías continuamente e que imos substituír proximamente. Temos que resolver os problemas que temos hoxe, pero tamén tomar decisións pensando na Vilalba que queremos dentro de dez ou vinte anos.

Fíxose neste tempo un traballo intenso na humanización das distintas zonas. Por onde vai seguir?

Pouco a pouco imos conseguindo un modelo de casco urbano máis humanizado, máis adaptado á realidade actual e máis amable. Fixémolo xa nalgunhas rúas do casco urbano como a travesía dos Castros, a rúa do Rego, a rúa da Pravia ou a rúa Benxamín Paz, que foi obxecto dunha recente renovación integral que queremos seguir ampliando na contorna do centro de saúde. A idea é ir estendendo ese modelo a todo o casco urbano, priorizando aquelas rúas que precisan unha maior urxencia de intervención.

Houbo desencontros este ano coa Xunta. A estación segue a ser unha demanda continua…

E non vai deixar de selo ata que Vilalba teña unha solución. Levo dende que cheguei á Alcaldía reclamando unhas condicións dignas para a nosa estación de autobuses, cando menos uns servizos mínimos. Hai un ano a Xunta comprometeuse a presentar un proxecto e seguimos agardando. E agora vemos que anuncia un investimento de preto de oito millóns de euros nas estacións de autobuses galegas e Vilalba volve quedar fóra. Eu vou seguir reclamándoo porque non estamos pedindo un privilexio para Vilalba, estamos pedindo que Vilalba reciba o mesmo trato que outras vilas de Galicia.

Que outras necesidades demanda para Vilalba?

Hai varias cuestións nas que necesitamos que as demais administracións dean tamén un paso adiante. A primeira é a rúa Cidade de Lugo. É unha das principais vías de entrada á vila e hai máis de vinte anos que foi obxecto dun convenio coa Xunta para acometer o seu arranxo que nunca chegou a executarse. Creo que xa é hora de que esa actuación se faga realidade. Outra cuestión moi importante é o prezo hora do SAF. É un servizo fundamental para os concellos e para as familias, pero o custo que asumimos está lastrando os orzamentos municipais. No caso de Vilalba, ademais, estamos falando dun dos servizos con máis horas de Galicia. Necesitamos que a Xunta e o Estado, dunha vez por todas, asuman o financiamento total do servizo porque os concellos non podemos seguir pagando unha parte importante do custo dun servizo que é esencial para garantir os coidados.
Tamén seguimos reclamando un centro de día e unha residencia públicos. Sabemos que se vai abrir unha iniciativa privada, que valoramos moi positivamente, pero non substitúe a necesidade dun recurso público. Levamos tempo solicitando reunións coa Xunta para abordar esta cuestión e non nos reciben. Como capital da Terra Chá, creo que Vilalba merece cando menos ser escoitada. E, por último, a vivenda pública. Temos xente nova que quere quedar, familias que queren vir vivir aquí e empresas que necesitan atraer traballadores. Se queremos fixar poboación, necesitamos tamén unha oferta de vivenda accesible, e nese ámbito a Xunta ten moito que dicir como administración competente. En definitiva, non estamos pedindo un trato de favor para Vilalba. Estamos pedindo que se atendan necesidades que levan anos enriba da mesa e que as distintas administracións asumamos cada unha a nosa responsabilidade. Desde o Concello estamos facendo a nosa parte e seguiremos facéndoa, pero hai cuestións nas que necesitamos que outros tamén dean o paso.

0.38659000396729