A Moexmu 2027 xa ten datas, celebrarase os días 2, 3 e 4 de abril

A comisión organizadora da XLIII edición da Mostra Exposición de Muimenta, Moexmu, xa puxo en marcha os preparativos para a próxima edición, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de abril de 2027, recuperando así a primeira fin de semana do mes como marco para esta cita.
A programación incluirá a XLIII Mostra Exposición de Muimenta, o XLI Concurso de Gando Frisón, a XLI Exposición de Gando de Raza Rubia Galega, a XXXI Poxa de Gando Selecto, o VI Concurso de Xóvenes Gandeiros, o XXVI Concurso de Xóvenes Manexadores e o IX Monográfico de Can de Palleiro.
A actividade da organización continuará tamén en maio coa XXXVI edición da Festa da Filloa de Muimenta, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebrará o sábado 1 de maio.
A comisión organizadora actual está presidida por Manuel Seijas Vázquez e corresponde á segunda comisión dentro da oitava rotación de empresarios e empresarias encargados de asumir a organización da Moexmu. O equipo xa iniciou contactos con novos responsables de negocios da zona, especialmente con persoas que abriron recentemente os seus establecementos, co obxectivo de incorporalas ao grupo e avanzar na preparación das diferentes actividades que se desenvolverán no Recinto Feiral Manuel Vila.
Xunto a Manuel Seijas forman parte inicialmente da comisión Carlos García, Julio Pacio e José Seoane. Pola súa banda, José Manuel Rus Rodríguez continuará á fronte da xerencia e alcanzará nesta edición a súa trixésima participación.
A edición de 2027 terá ademais un significado especial para a organización, xa que se cumprirán corenta anos desde o inicio do apoio ao sector gandeiro a través do concurso e a exposición de gando. Foi en 1987 cando se puxo en marcha esta actividade, inicialmente en postos elaborados con xestas pola propia veciñanza de Muimenta, nos terreos que actualmente ocupa o Colexio Público de Muimenta.
A evolución da mostra levou, catro anos despois, á inauguración do actual Recinto Feiral Manuel Vila, estreado en 1991 e adquirido cos fondos procedentes dunha masa forestal propiedade da veciñanza. Desde entón, a Moexmu mantívose como un dos principais escaparates do sector gandeiro e empresarial da comarca.