A Mostra Ambienta de cinema LGBTIQA+ celebrará a súa 9ª edición en maio en Belas Artes de Pontevedra

A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, Ambienta, celebrará a súa novena edición durante o mes de maio no Salón de Actos da Facultade de Belas Artes, grazas á colaboración da Universidade de Vigo, que cede este espazo debido ao peche por obras do Teatro Principal.
O evento desenvolverase os días 7, 14, 21, 28 e 29 de maio, con entrada libre, e contará cunha programación variada que inclúe tres longametraxes, tres curtametraxes, unha serie en formato reel e un videoclip.
A mostra contará coa colaboración de entidades como Pinto e Maragota, Cineclube Pontevedra, FIC Bueu, Avante LGBTIQA+ Pontevedra e os Premios Feroz, que participan na selección das obras.
Entre a programación destacan dúas estreas absolutas en Galicia: ‘Iván & Hadoum’, premiada co Teddy Award na Berlinale, e ‘9 Lunas’. Ademais, proxectarase ‘Contando los días’, unha webserie recoñecida nos Premios Mestre Mateo e nos Premios ODA.
O evento contará tamén con encontros con figuras destacadas como Samantha Hudson, Xoán Fórneas ‘O Xoán’, ou as creadoras Tania Medina e Alba Loureiro, que participarán en coloquios co público.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou que Ambienta “dá un salto espectacular” nesta edición e busca consolidarse como un referente cultural máis aló de Pontevedra, mentres que a vicerreitora do campus, Eva Lantarón, subliñou o papel da universidade como espazo de acollida para a cultura.
A programación inclúe seccións habituais como Ambienta Clásico, con filmes históricos como ‘Mi querida señorita’ (1972), Ambienta Estrea, Ambienta en Curta e Ambienta Encontro, centradas na reflexión e no diálogo arredor das realidades do colectivo LGBTIQA+.
A clausura terá lugar o venres 29 de maio coa proxección de tres curtametraxes internacionais e a actuación de Xoán Fórneas, seguida da festa ‘Ambientazo’ na sala La Verbena coa música de DJ Beti de la Church.