A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas celebra a súa 33ª edición

Contará un ano máis con máis de 30 artesáns e un amplo programa cultural o sábado e o domingo
pardinas-mostra-de-instrumentos
30 Jul 2026

A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas celebrará os días 1 e 2 de agosto a súa trixésimo terceira edición, consolidándose como un dos encontros de referencia da luthería tradicional en Galicia e como unha das citas máis importantes da Península Ibérica dedicadas á construción de instrumentos musicais de raíz. Organizada pola Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos desde os seus inicios, a mostra volverá converter o recinto do Festival de Pardiñas nun espazo de encontro entre artesáns, músicos, investigadores e público interesado no patrimonio musical galego.

A entidade organizadora destaca o excelente momento que vive actualmente a construción de instrumentos tradicionais en Galicia, cun sector que combina o respecto pola tradición coa innovación e a incorporación de novas técnicas e materiais. Nesta edición participarán máis de trinta artesáns e luthiers procedentes de toda Galicia, así como de Cataluña, Euskadi, Madrid e Portugal, que durante toda a fin de semana exhibirán e darán a coñecer os seus traballos.

A mostra reunirá construtores especializados en gaitas, requintas, zanfonas, instrumentos de corda, percusión, bouzoukis, mandolinas, birimbaos, harpas, frautas e outros instrumentos tradicionais, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer de primeira man os procesos de elaboración, dialogar cos artesáns e descubrir un patrimonio que continúa plenamente vivo.

O programa arrancará na mañá do sábado coa apertura do recinto ás 11.30 horas. A sesión vermú estará amenizada polo cuarteto tradicional Seimeira, formado por Pepe Vaamonde e Brais Monxardín nas gaitas e Miguel Anxo López e Hugo García na percusión, dentro do programa Móvete 2026 da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase o pregón inaugural, que nesta edición correrá a cargo de Concha Losada, figura destacada da cultura galega e expresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego.

A continuación actuará o grupo de Pandeireteiras de Agrocovo, integrado por sete mulleres e dous homes baixo a dirección de Pedro Brañas, cun repertorio baseado na música tradicional galega. A xornada completarase co sorteo dunha Mastergaita e o peche da mostra ás 21.30 horas.

O domingo abrirá novamente as súas portas ás 11.30 horas e incluirá un dos momentos máis agardados da programación, o obradoiro de treboada impartido polo artesán e gaiteiro Oli Xiráldez, que permitirá ao público descubrir os bombos de mallada e rematar cun percorrido musical polo recinto. A sesión vermú estará protagonizada polo grupo Arroxó, proxecto dedicado á recuperación das cantareiras e das melodías recollidas directamente da tradición oral galega.

Xa pola tarde celebrarase o tradicional obradoiro de baile impartido por Cris Canosa, bailadora e profesora de baile tradicional galego, antes do concerto de clausura a cargo de Sete Aldeas, unha charanga tradicional formada por sete músicos que combina gaita, acordeón, saxofóns, clarinete e percusión cun repertorio pensado para facer bailar ao público. A programación rematará co sorteo dunha gaita e o peche definitivo da mostra.

Ademais das actuacións musicais e dos obradoiros, a cita volverá converterse nun espazo de aprendizaxe, intercambio e divulgación arredor da música tradicional, onde visitantes e profesionais poderán coñecer de preto o traballo dos construtores de instrumentos e descubrir a riqueza da luthería galega e peninsular.

Entre os expositores desta edición figuran artesáns e obradoiros como Alberto Pires, Antolín Vento Madeira, Aragón & Parrado, Artesanía JMR, Carlos da Silva, Caroline Lacombe, Ché Vázquez, DJB e Filla, Earan, Elías Couso, Fernando Meireles, Ferreiros de Mazonovo, Guillermo Camacho, Iago Salgado, Kepa Rubio, Labra, Lorena Reinaldo, Manels Percusión, Master Gaita, Miguel Rivas, Morenita Percusión, O Reberete, Oli Xiráldez, Queima, Rebollo Instruments, Regos Pandeiretas, Trabulo Instruments, Troula, Tunhas, V. Martín González, Xaneco, Xermán Arias e Xosé Maceda, conformando unha das maiores representacións de artesanía musical tradicional da Península.

0.39551210403442