A música volverá ser protagonista no XI Ribadeo Indiano cun programa inspirado na emigración de ultramar

Concertos, habaneiras, mariachis, verbenas e ritmos latinos encherán as rúas da vila desde este venres ata o domingo
rib-indiano-25
10 Jul 2026

Ribadeo volverá recrear a atmosfera da emigración galega a América coa celebración da undécima edición do Ribadeo Indiano, que terá lugar entre os días 10 e 12 de xullo. A programación musical será un dos eixos centrais da festa, cun cartel pensado para evocar o ambiente das antigas sociedades da emigración galega en países como Cuba, Arxentina ou México.

A inauguración do evento terá lugar este venres co tradicional desembarco teatralizado no porto de Porcillán. Antes do inicio da representación actuará o Coro Sagrado Corazón, nunha intervención que simboliza a unión entre as dúas beiras do Atlántico. Ao longo da primeira xornada tamén actuará a Gallaecia Small Band e, xa pola noite, a verbena correrá a cargo do Septeto To’mezclao.

O sábado concentrará boa parte da programación musical. A chegada dos tradicionais coches clásicos “Haigas” estará acompañada pola actuación dos mariachis Real de Jalisco. Ese mesmo día, a Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu concerto de gala en San Roque, mentres distintas agrupacións musicais levarán os sons de ultramar a diferentes espazos da vila.

A programación do sábado incluirá tamén unha nova edición do Festival de Habaneiras e Música Hispanoamericana Ría de Ribadeo, no que participarán a Coral Polifónica de Ribadeo, a Coral Polifónica San Roque de Vigo e a Coral IES María Guerrero, de Collado Villalba. A xornada rematará cunha verbena na que se combinarán a música tradicional galega e os ritmos latinos coas actuacións de Mediarea e El Mura y su Timbre Latino.

O domingo, última xornada do Ribadeo Indiano, comezará cunha alborada a cargo do grupo Follas Novas. A continuación celebrarase a sesión vermú, coa participación da Banda Filharmónica de Lugo, Trío Mojito Cubano e Los Jimaguas. O peche musical da undécima edición chegará co concerto de Estrellas de Buena Vista y Más, unha das actuacións destacadas do programa deste ano.

O XI Ribadeo Indiano está organizado polo Concello de Ribadeo e Acisa, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

PROGRAMA COMPLETO DO XI RIBADEO INDIANO

0.2954580783844