A Noite Meiga de Sarria prende o lume este venres cunha andaina inclusiva e dúas noites de música e tradición

A celebración desenvolverase os días 28 e 29 de agosto e incorpora este ano un tramo sen ruído durante a andaina e unha nova posta en escena da tradicional danza no Chanto
Noite-Meiga
25 Aug 2026

A Noite Meiga de Sarria xa ten todo preparado para volver encher a vila de lume, música, tradición e folclore durante este venres e sábado, 28 e 29 de agosto. A celebración comezará o venres pola tarde coa Tardiña Meiga e continuará durante toda a noite cunha programación que combinará a tradicional andaina con fachos, música de raíz e diferentes actuacións.

Unha das novidades desta edición estará precisamente na andaina do venres, que contará cun tramo sen ruído pensado para facer a celebración máis accesible. Durante parte do percorrido, os gaiteiros, bombos e panderetas deixarán de soar para crear un espazo máis amable para as persoas sensibles ao ruído.

Este tramo estará identificado co distintivo de "Espazo Sen Ruído", de maneira que os participantes poidan recoñecelo facilmente. Ademais, ao longo do percorrido, as Meigas e os Trasgos encargaranse de recoller os desexos que a veciñanza depositou previamente nas Caixiñas dos Desexos instaladas nos comercios e locais participantes.

A programación do venres arrancará ás 18:00 horas coa Tardiña Meiga. Ás 20:00 horas terá lugar a tradicional andaina con fachos, un dos momentos máis característicos da celebración. Xa ás 21:30 horas, a música tomará o relevo coas actuacións de Xosé Lois Romero & Aliboria, DeNinghures e Terrae.

A segunda xornada comezará o sábado 29 ás 18:00 horas coa actuación da Banda de Música da Comarca de Sarria. Ás 19:00 horas será a quenda da A.F. Ancoradoira e da A.C. Meigas e Trasgos, formacións que volverán subir ao escenario ás 21:00 horas.

Entre ambas actuacións terá lugar un dos momentos máis institucionais da xornada: o pregón, ás 20:00 horas, que nesta edición correrá a cargo de Panadería Pallares. A programación continuará ás 22:00 horas coa cea, antes de dar paso aos actos da madrugada.

A partir de aí, a celebración entrará na súa recta final con varios dos momentos máis esperados. Á 01:00 horas chegará a Danza da Noite Meiga, que este ano presenta unha importante novidade ao trasladar a súa posta en escena integramente á contorna do Chanto.

O cambio busca superar as limitacións de espazo que ofrecía o interior do Meigallo e permitir que máis persoas poidan seguir a representación. Ademais, a organización incorporará un sistema específico de son e iluminación, co obxectivo de reforzar o carácter visual e teatral dunha das propostas máis emblemáticas da Noite Meiga.

Media hora despois, ás 01:30 horas, será a quenda de Broken Peach, mentres que Miquel Filaleiro será o encargado de pechar a programación ás 03:30 horas.

Deste xeito, Sarria prepárase para dúas xornadas nas que a tradición, o lume, a música de raíz, o folclore e as propostas contemporáneas volverán darse a man. Unha Noite Meiga que incorpora novidades para facer a festa máis accesible e para potenciar un dos seus espectáculos máis representativos, sen renunciar á esencia dunha celebración xa consolidada no calendario festivo sarrián.

0.28270697593689