A obra de Lugrís na rúa Olmos volve ao debate pola súa conservación

Mercedes Queixas pide á Xunta unha intervención urxente nos doce murais e anima á veciñanza a participar na mobilización convocada na Coruña
A CORUÑA mural lugris rua olmos
6 Jun 2026

A deputada do BNG pola Coruña e portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas, reclamou á Xunta unha actuación inmediata para protexer e poñer en valor os doce murais de Urbano Lugrís situados no baixo que ocupou o antigo Restaurante Fornos, na rúa Olmos da Coruña.

Queixas advertiu do deterioro desta obra dos anos cincuenta e acusou ao Goberno galego de manter unha actitude de inacción malia que os frescos contan coa máxima protección patrimonial desde a incoación do expediente como Ben de Interese Cultural, en marzo de 2024, e foron posteriormente declarados BIC na categoría de monumento.

A Xunta, pola súa banda, defendeu no Parlamento que está a realizar 'un seguimento exhaustivo' do estado de conservación dos murais e que mantén comunicación cos titulares do inmoble para coñecer a evolución do proxecto de rehabilitación do edificio. Así o trasladou o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, durante a súa intervención na Comisión 4ª.

Segundo explicou Miramontes, a Consellería de Cultura traballa na documentación técnica necesaria para definir o mellor sistema de protección das pinturas de cara ás futuras obras no local. A intención é illar a planta baixa do edificio, a modo de cápsula, para evitar que os murais se vexan afectados polas filtracións de auga ou por outras posibles incidencias durante a intervención.

O responsable autonómico lembrou tamén que a Xunta adquiriu o conxunto mural en 2024, aínda que o inmoble segue sendo de titularidade privada, e asegurou que desde entón mantén o seu compromiso coa recuperación, conservación e posta en valor das pinturas. Neste sentido, destacou que xa se realizaron traballos de toma de datos 3D, estudos construtivos e estruturais do edificio, análises dos estratos policromados e actuacións urxentes para fixar as zonas con risco de desprendemento.

A deputada lembrou que o Parlamento galego xa aprobara, a instancias do BNG, reclamar a compra do local e abrir un diálogo entre institucións para avanzar na creación dun Espazo Lugrís. Segundo sinalou, o obxectivo debe ser garantir a conservación dos murais e facilitar o acceso público a unha obra que considera parte esencial do patrimonio cultural coruñés.

Queixas tamén chamou á participación na mobilización convocada esta fin de semana na Coruña baixo o lema 'A Coruña pola beleza', coa que se reclama a preservación dos frescos e a súa posta en valor. A parlamentaria defendeu que a presión social foi clave para acadar a protección dos murais e considera que tamén será determinante para que poidan ser conservados e abertos á cidadanía.

'Os e as coruñesas temos dereito a acceder á beleza de Lugrís', afirmou Queixas, que pediu á Xunta que cumpra coa súa responsabilidade como administración competente en materia de patrimonio e propietaria da obra.

0.3401939868927