A obra 'Libre como os paxaros' represéntase en varios concellos

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo levará a obra teatral Libre coma os paxaros de Teatro do Atlántico a Sarria, A Pobra do Brollón, Chantada, Ribadeo e Meira durante os meses de marzo e abril. A xira polas comarcas desta obra, artellada en base a textos da propia Rosalía de Castro, forma parte do programa posto en marcha pola área de Cultura o pasado 23 de febreiro, co que puxo a disposición de concellos e asociacións diversas propostas culturais sobre a figura e obra da poeta.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou “o gran interese que concellos e asociacións amosaron por acoller as propostas formuladas desde a área de Cultura arredor de Rosalía e especialmente por esta obra teatral que nos guía pola súa literatura e pensamento, constatando a súa vixencia ” e explicou que “configuramos o calendario procurando que a obra se represente nas distintas comarcas e apoiando a consolidación dunha oferta cultural en galego, baseada en referentes culturais propios, que chegue a todo o público”.
Libre coma os paxaros: dramaturxia sobre textos de Rosalía
A base fundamental para a elaboración da posta en escena do espectáculo, dirixido por Xulio Lago, son os propios textos de Rosalía de Castro -poesía, artigos, prosas, lieders- que permiten transitar polo pensamento da autora e polo seu compromiso diante dos conflitos e acontecementos presentes na sociedade do seu tempo.
Follas Novas, Cantares Galegos, La Flor, En las orillas del Sar, Las Literatas, A mi madre, xunto cos prólogos, noticias da prensa do seu tempo, e datos extraídos de publicacións e documentos presentes na obra de diversas estudosas e estudosos da vida e da obra da autora conforman o conxunto biobibliográfico do que foi extraído o material que configura o espectáculo.
-
Sarria:
Casa da Cultura, venres 11 de marzo, ás 20.00 horas -
A Pobra do Brollón:
Casa da Cultura Olga Novo, venres 13 de marzo, ás 19.00 horas. -
Chantada:
Auditorio Municipal, venres 18 de marzo, ás 20.00 horas. -
Meira:
Xoves, 14 de abril ás 19.00 horas Casa da Cultura -
Ribadeo:
Auditorio Hernán Naval, domingo 24 de abril ás 20.00 horas
É a propia Rosalía de Castro, interpretada por María Barcala, a que desde o escenario, cos código propios do teatro, establece a comunicación co público, mostrándose como unha muler en loita a prol da igualdade entre homes e mulleres, contra a violencia de xénero, que denuncia a desigualdade social e os atentados contra o equilibrio ecolóxico ou o drama da emigración. A posta en escena complétase coa iluminación de Antonio Simón e a música de Vadim Yukhnevich.
Programa sobre Rosalía
Ademais de “Libre coma os paxaros”, dentro da programación sobre Rosalía, a Vicepresidencia da Deputación ofrece aos concellos e asociacións a montaxe para público familiar “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, e a realización de murais homenaxe a autora en centros educativos e espazos públicos, a cargo dos muralistas Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft. Nos próximos meses, tamén viaxará pola comarcas a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, agora exposta na Praza de San Marcos de Lugo.