A Oficina de Acollida ao Peregrino incorpora unha nova escultura de Timothy Schmalz

A Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela conta cunha nova obra do recoñecido escultor canadense Timothy Schmalz. A peza, titulada Sheltering («Refuxio»), foi presentada nun encontro entre o artista e representantes da cidade, nunha xornada na que se puxo de relevo o papel da arte para reflexionar sobre a vulnerabilidade humana e a importancia da solidariedade.
A escultura, realizada en bronce, incorpórase ao conxunto artístico deste espazo dedicado á acollida dos peregrinos e súmase a Homeless Jesus («Xesús sen fogar»), outra obra do mesmo autor instalada no patio da fonte da Oficina desde xullo de 2025.
A obra representa unha figura humana a tamaño natural cuberta delicadamente por unha manta sostida por unha pomba, símbolo do Espírito Santo. A súa instalación foi posible grazas ao patrocinio do matrimonio estadounidense formado por Mike e Carol Ritchie.
Schmalz explicou que concibiu esta escultura para expresar que «axudar as persoas pobres é o noso deber espiritual» e subliñou que a figura da pomba lle parecía o símbolo máis axeitado para representar a dimensión transcendente do acto de dar acubillo.
A peza naceu tamén como imaxe da Campaña 13 Casas, unha iniciativa internacional da Alianza FamVin coas Persoas Sen Fogar, impulsada pola Familia Vicenciana para promover o acceso a unha vivenda digna de quen carece dela. Agora poderá contemplarse nun lugar que, segundo destacou o propio artista, está definido desde hai séculos «pola peregrinación, a hospitalidade e a acollida ao viaxeiro canso».
O escultor canadense considerou especialmente significativo que a obra se instalase ao final do Camiño de Santiago. Na súa opinión, as novas creacións artísticas que se incorporan á ruta xacobea contribúen a lembrar que se trata dunha peregrinación cristiá e non unicamente dunha experiencia cultural ou turística.