A Plataforma en Defensa da Sanidade e das Especialidades do HULA activa unha canle directa de queixas

A iniciativa, integrada na Federación de Asociacións Veciñais de Lugo “Lucus Augusti”, permitirá trasladar incidencias sobre a atención sanitaria en toda a provincia
HULA-hospital-Lugo-portada
11 Jun 2026

A Plataforma en Defensa da Sanidade e das Especialidades do HULA, integrada na Federación de Asociacións Veciñais de Lugo “Lucus Augusti”, vén de anunciar a posta en marcha dun sistema directo de contacto co obxectivo de que calquera persoa da cidade ou da provincia poida trasladar queixas, incidencias ou problemas relacionados coa atención sanitaria pública.

Desde este momento, a cidadanía poderá remitir as súas comunicacións ao correo electrónico fedveclucusa@gmail.com, unha canle aberta e accesible que pretende dar voz ás persoas afectadas por atrasos, cancelacións ou deficiencias na asistencia sanitaria.

A plataforma recollerá especialmente aquelas queixas vinculadas aos atrasos en citas de Atención Primaria, demoras nas consultas de especialidades do HULA, retrasos na realización de probas diagnósticas, aprazamentos ou cancelacións de intervencións cirúrxicas, así como citas fixadas para datas excesivamente tardías. Tamén se incluirán todas aquelas incidencias que afecten ao dereito a unha atención sanitaria digna na provincia de Lugo.

Segundo explican desde a organización, todas as incidencias recibidas serán analizadas e denunciadas publicamente co obxectivo de visibilizar a situación que, segundo indican, sofren miles de pacientes e de reclamar solucións inmediatas ás administracións competentes.

“Queremos que ningún veciño ou veciña se sinta só ante un atraso inxustificado, unha cita aprazada ou unha proba que nunca chega. A sanidade pública é un dereito, non un privilexio, e a nosa obriga é defendela con firmeza”, sinala a plataforma.

Con esta iniciativa, a Plataforma en Defensa da Sanidade e das Especialidades do HULA reforza o seu compromiso coa cidadanía e reafirma a súa vontade de seguir traballando, xunto coa Federación “Lucus Augusti”, por unha sanidade pública máis áxil, humana e accesible para toda a provincia.

0.26115202903748