A Plataforma Galega Vivenda Xa! convoca concentracións polo prezo da vivenda

A mobilización terá lugar este martes, 29 de setembro, ás 20:00 horas, para reclamar medidas urxentes que faciliten o acceso á vivenda
Proxecto-edificación-vivendas-Pedrafita-do-Cebreiro
29 Sep 2026

A Plataforma Galega Vivenda Xa! convoca este martes, 29 de setembro, concentracións en Lugo e Ourense para denunciar as dificultades de acceso á vivenda en Galicia, especialmente pola diferenza entre os prezos dos alugueiros e os salarios. En Lugo, a mobilización celebrarase ás 20:00 horas na Praza Maior, diante do Concello, mentres que en Ourense terá lugar á mesma hora diante da Subdelegación do Goberno.

A plataforma considera que a situación da vivenda en Galicia é "insostible" e reclama solucións urxentes ante o incremento dos prezos e as dificultades que afronta a cidadanía para acceder a un fogar. Entre as súas denuncias, alerta de que a proliferación de pisos turísticos está "aniquilando os nosos concellos" e critica que Galicia concentre o 30 % de toda a vivenda baleira do Estado, ao tempo que se producen desafiuzamentos diarios e mozos e mozas ven limitada a posibilidade de estudar por non atoparen un lugar onde vivir.

Ante este escenario, a Plataforma Galega Vivenda Xa! reclama a declaración de zonas de mercado residencial tensionado en todos os concellos, así como un incremento do parque de vivenda pública e que esta manteña o seu carácter público de maneira permanente.

Ademais, a organización esixe que a Xunta de Galicia se faga cargo de todos os activos da SAREB e reclama a limitación dos pisos turísticos, ao considerar que estas medidas son necesarias para frear a escalada dos prezos e garantir o dereito a unha vivenda digna.

A convocatoria enmárcase nunha mobilización máis ampla para reclamar cambios nas políticas de vivenda e medidas que permitan mellorar o acceso a esta, especialmente entre a mocidade e os colectivos con maiores dificultades económicas.

0.43992280960083