A poesía da Terra Chá resoou en Vilalba na décima edición de “No bico un cantar”

Máis de 400 nenas e nenos de toda Galicia participaron nun concerto coral que homenaxeou os poetas chairegos e anunciou unha futura edición dedicada a Xosé Neira Vilas
no-bico-un-cantar-vilalba
6 Jun 2026

Vilalba converteuse este venres no epicentro da música e da poesía galega coa celebración da décima edición de No bico un cantar, unha iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG) que reuniu a máis de 400 nenas e nenos procedentes de distintos puntos do país para interpretar un repertorio inspirado nos grandes poetas da Terra Chá.

O concerto, celebrado coa colaboración das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, ademais do Concello de Vilalba, contou coa dirección musical de Maximino Zumalave e coa participación da formación de metais Hércules Brass. A escritora Rosa Aneiros exerceu como mantedora do acto.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou no inicio da actuación o carácter educativo e participativo da proposta. “Esta é unha actividade pensada para a rapazada, auténticos protagonistas, nunha experiencia que esperemos sexa inesquecible”, sinalou. Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor unha iniciativa “na que cada ano se implican centos de persoas dando mostra dun importante traballo colectivo a prol da nosa cultura”.

O programa abriu coa interpretación de dúas pezas renacentistas de Giles Farnaby e Anthony Holborne a cargo de Hércules Brass. A continuación, sucedéronse composicións inspiradas na poesía galega, como Caracol, sobre versos de Manuel María e música de Margarita Viso; María Balteira, baseada no poema de Darío Xohán Cabana con música de Xosé Luís Rivas “Mini”; e O carro, emblemática creación de Fuxan os Ventos a partir dun dos textos máis coñecidos de Manuel María.

Un dos momentos máis destacados da tarde chegou coa estrea absoluta de Dicir do namorado, unha composición creada por encarga por Paulino Pereiro sobre un poema homónimo de Xosé Crecente Vega, unha das voces fundamentais da poesía chairega. O concerto concluíu coa interpretación de Maio longo, sobre o célebre poema de Rosalía de Castro musicado por José Baldomir, convertido xa nun himno desta proposta cultural.

Os arranxos musicais de gran parte do repertorio foron realizados por Juan Durán, quen contribuíu a dotar de unidade artística un programa que combinou diferentes estilos e épocas da música galega.

Nesta edición participaron alumnado dos conservatorios profesionais de música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vilalba, así como das escolas municipais de música do Pallarego de Mondoñedo, Ribadeo e Xove. Tamén formaron parte do coro o Coro Infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escolanía da Catedral de Santiago.

Durante o acto anunciouse ademais que a próxima edición de No bico un cantar estará dedicada á figura de Xosé Neira Vilas.

Desde a súa creación en 2013, o proxecto percorreu diferentes localidades galegas homenaxeando figuras e tradicións da cultura do país, entre elas Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, os trobadores medievais, os poetas mindonienses, os alalás, a tradición musical da raia, a xeración Nós e, máis recentemente, Castelao. Coa súa décima edición, No bico un cantar consolídase como unha das iniciativas de referencia na divulgación da poesía e da música galegas entre as novas xeracións.

0.38778185844421