A POIG congrega en Ourense a 300 menores con motivo do Día Internacional da Infancia

Con motivo do Día Internacional da Infancia, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) organizou o xoves en Ourense o acto central do seu Día da Infancia 2026, no que participaron preto de 300 nenos, nenas e adolescentes procedentes de distintos centros educativos e entidades sociais galegas. O encontro, celebrado na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense baixo o lema ‘Dereitos á acción’, tivo como obxectivo trasladar á sociedade que os dereitos recoñecidos á infancia deben traducirse en compromisos e medidas concretas, e non quedar unicamente recollidos nos textos legais.
O protagonismo da xornada recaeu nos propios menores, que previamente traballaran nos seus centros tres eixos temáticos: a saúde, a igualdade e non discriminación, e a protección fronte á violencia. As súas conclusións e propostas foron expostas ante o resto de asistentes, entre os que se atopaban Javier Rodeiro Iglesias, director de operacións do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; Victorino Escamilla, vicepresidente da POIG; e Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, en representación da Consellería de Política Social e Igualdade.
En materia de saúde, os menores reclamaron un maior respaldo á saúde mental e a existencia de espazos nos que poder expresar as súas emocións e pedir axuda cando a precisen. Respecto da igualdade, pediron garantir as mesmas oportunidades para todos os nenos, nenas e adolescentes, sen que a orixe, unha discapacidade ou calquera outra circunstancia persoal supoña un trato desigual. En canto á protección fronte á violencia, demandaron reforzar a prevención do acoso, dispor de contornas seguras e asegurar que, cando precisen pedir auxilio, atopen unha escoita efectiva.
O acto estivo conducido por dous representantes do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) e contou coa colaboración da Federación Autismo Galicia e a Fundación Secretariado Xitano. A parte musical correu a cargo de Tai e Risk, integrantes do colectivo Vella Escola Cultura Urbana, que combinaron beatbox e rap sobre o escenario.
Durante a súa intervención, o vicepresidente da POIG, Victorino Escamilla, insistiu en que escoitar á infancia non resulta suficiente se esa escoita non se traduce despois en decisións concretas. “As súas demandas deben traducirse en decisións políticas, recursos e compromisos reais. Os dereitos da infancia teñen que pasar das palabras á acción”, afirmou. Dende a Plataforma defendeuse, ademais, que a participación de nenos, nenas e adolescentes non debería limitarse a actos conmemorativos coma este, senón incorporarse de xeito habitual ao deseño e seguimento das políticas públicas que lles afectan.
Pola súa banda, Jacobo Rey valorou positivamente o contido das propostas trasladadas polos menores ao longo da xornada: “As propostas que hoxe escoitamos son necesarias e demostran a importancia de dar voz aos nenos, nenas e adolescentes”, sinalou.
Un dos participantes resumiu o sentir xeral do encontro cunha reflexión sinxela: “Queremos que nos escoiten, pero tamén que teñan en conta o que dicimos. Temos dereito a sentirnos seguros, a recibir axuda cando a necesitamos e a ter as mesmas oportunidades”.
A celebración deste encontro respondeu precisamente ao espírito do Día Internacional da Infancia, data na que se conmemora a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno, un texto que non se limita a enumerar dereitos, senón que impón obrigas para garantir o seu cumprimento. Ese foi o mensaxe que a POIG quixo deixar claro co lema escollido para esta edición: os dereitos da infancia deben pasar das palabras á acción.