O PP e María Reigosa rexistran unha moción de censura en Lugo con Elena Candia como candidata á Alcaldía

A iniciativa, avalada por trece sinaturas, xustifícase pola “parálise” da cidade e abre un novo escenario político no Concello
PP-Lugo-rexistro-mocion-censura-22-abril-2026
Actualizada el 23 abril 2026, 09:36 horas
22 Apr 2026

O Partido Popular e a concelleira non adscrita María Reigosa formalizaron este mesmo día, 22 de abril, no Concello de Lugo o rexistro dunha moción de censura contra o actual goberno municipal. A proposta chega respaldada por trece sinaturas, correspondentes aos doce edís populares e á propia Reigosa, o número necesario para impulsar este procedemento legal no ámbito local.

A formación conservadora anunciou a presentación da iniciativa ao longo da mañá e convocou unha comparecencia pública ás 14:15 horas, na que participaron a portavoz do grupo municipal, Elena Candia, e a concelleira non adscrita. No acto, ambas explicaron os motivos que levaron a dar este paso e defenderon a súa lexitimidade dentro do funcionamento democrático.

María Reigosa quixo saír ao paso das informacións que apuntaban a un posible acordo ligado a un posto na administración autonómica. Neste sentido, negou que se lle ofrecese e que se vaia a presentar a unha praza “á medida” na Xunta de Galicia e aclarou que a vacante existente —a Xefatura do Servizo do Litoral en Lugo, na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático— atópase en proceso aberto, cun prazo de inscrición vixente ata o 27 de abril, e que se convocou nas catro provincias cos mesmos requisitos.

A edil subliñou que a súa decisión responde a unha reflexión “responsable” sobre a situación da cidade, asegurando que Lugo “non avanza” e que era preciso adoptar unha postura firme. Reigosa insistiu no seu compromiso coa veciñanza e defendeu a moción de censura como un instrumento plenamente legal dentro da actividade política.

Pola súa banda, Elena Candia destacou que se trata dun momento de “máxima responsabilidade” e agradeceu o apoio recibido tanto polos membros do Partido Popular como, de maneira especial, por María Reigosa. A portavoz confirmou que as trece sinaturas rexistradas inclúen o respaldo dos concelleiros que a propoñen como candidata á Alcaldía.

Candia sinalou que son numerosas as persoas que lle trasladaron o seu malestar tanto co alcalde como co resto do goberno local, unha percepción que, segundo indicou, foi constante nos últimos tempos. Neste contexto, anunciou tamén que, no caso de ser investida alcaldesa, renunciará ao seu cargo como vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, unha decisión que explicou como unha mostra da súa intención de dedicarse “en corpo e alma” á cidade de Lugo, tal e como percibiu que lle demandaba a cidadanía.

Candia cargou con dureza contra o executivo local, ao que cualificou de “goberno á deriva” que, segundo indicou, está a prexudicar ao conxunto da cidadanía. Entre as críticas, sinalou problemas na mobilidade urbana, unha xestión marcada polo “conflito constante” e a falta de entendemento con quen non comparte a súa visión política.

A líder popular tamén fixo referencia á “parálise” de proxectos estratéxicos, ao que sumou acusacións de despilfarro económico que, segundo dixo, repercuten directamente nos petos dos lucenses. Así mesmo, lamentou a ausencia de planificación en materia de infraestruturas, con especial mención ás instalacións deportivas, e cuestionou a capacidade do goberno municipal para xestionar o persoal do Concello.

Dentro das medidas que avanzou —e que, segundo indicou, detallarán máis amplamente na súa folla de ruta—, Candia destacou a creación dunha nova oficina da Policía Local na Milagrosa co obxectivo de reforzar a seguridade e adoptar accións que garantan a convivencia. Tamén apostou por incrementar as prazas de aparcamento e mellorar o transporte público, así como por eliminar algúns tramos do carril bici que, ao seu xuízo, limitaron o desenvolvemento económico de determinadas zonas da cidade. “Non podemos estar cada quince días repoñendo as losetas que rompen”, engadiu en referencia aos problemas detectados en puntos do casco histórico.

Entre outras prioridades, mencionou a creación dunha praia fluvial en Os Robles e a execución e finalización do Plan Paradai, ademais de reivindicar “recuperar un San Froilán para todos”. Candia tamén fixo fincapé no papel da Universidade, que considera que “ten que formar máis parte da nosa cidade”, advertindo ao tempo da falta de planificación en infraestruturas e dun “problema fundamental coa vivenda”. No ámbito deportivo, comprometeuse a actuar sobre o antigo pavillón da OJE, nas inmediacións do Pazo de San Marcos. Neste contexto, Elena Candia sinalou que “un ano é pouco ou moito tempo, segundo como o miremos”, en relación ao prazo do que disporía para desenvolver os proxectos expostos e coa vista posta tamén nas próximas eleccións municipais previstas para 2027.

A partir de agora, iníciase a conta atrás cara á investidura da nova alcaldesa. Se se cumpren os prazos previstos, o pleno no que se formalizará o cambio de goberno municipal celebrarase o vindeiro 7 de maio.

CONSULTA AQUÍ O DOCUMENTO ÍNTEGRO DE RAZÓNS DO PARTIDO POPULAR Á MOCIÓN DE CENSURA

O alcalde de Lugo acusa o PP de “asaltar o Concello”

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, compareceu na praza Maior nunha rolda de prensa na que estivo arroupado por concelleiros socialistas da cidade, alcaldes do PSOE na provincia, o secretario xeral do PSdeG-PSOE José Ramón Gómez Besteiro, a exalcaldesa Lara Méndez, a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e outras persoas representantes da formación e das institucións.

Nunha intervención de ton moi duro e crítico, Fernández referiuse á moción de censura rexistrada no Concello e acusou ao Partido Popular de impulsar unha estratexia política “sen límites nin escrúpulos”. O rexedor afirmou que “tres mortos e unha tránsfuga son os avales de Candia para asaltar o Concello”, nunha das declaracións máis contundentes da súa intervención, na que tamén vinculou este movemento a unha suposta estratexia de poder a nivel provincial.

O alcalde situou xa o foco nas eleccións municipais do próximo ano e asegurou que o seu partido sairá reforzado. “Non teñan dúbida, dentro dun ano estaremos gobernando esta cidade porque os lucenses non perdoan a traizón”, afirmou, en referencia directa ao contexto político aberto tras o rexistro da moción.

O alcalde tamén advertiu de que, segundo a súa previsión, nos vindeiros anos Elena Candia podería “entorpecer, xudicializar e tentar influír en vontades empregando recursos propios do Concello para o seu beneficio político”, acusándoa ademais de xerar un clima de presión e temor entre a cidadanía. Fronte a estas críticas, Fernández aproveitou para reivindicar o labor do actual executivo local, asegurando que “o Concello funciona, os proxectos saen adiante, o traballo estase a facer e o equipo mantense cohesionado”.

Durante a súa intervención, Fernández tamén criticou a actitude da concelleira non adscrita María Reigosa, á que acusou de non querer integrarse na estrutura de goberno municipal. Segundo explicou, nos días previos ao rexistro da iniciativa mantivo unha conversación con ela na que, segundo o alcalde, Reigosa lle asegurou que sería informado antes de calquera decisión. “Falamos o martes pasado sobre o que era un ‘vox populi’ na cidade. Díxome: Miguel, ti serás o primeiro en saber se apoio a moción. E non foi así”, sinalou o rexedor, lamentando a falta de comunicación.

A comparecencia serviu tamén para escenificar o respaldo do PSdeG-PSOE ao actual goberno local nun momento de forte tensión política no Concello de Lugo, tras o rexistro formal da moción de censura por parte do Partido Popular e da propia Reigosa.

 

0.32788586616516