A Praza de San Marcos acolle a exposición 'José Suárez, vida e obra' dedicada ao fotógrafo de Allariz

A Praza de San Marcos de Lugo acolle a exposición 'José Suárez, vida e obra', unha mostra que repasa a traxectoria vital e artística do fotógrafo de Allariz, a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedica este ano o Día das Artes Galegas.
A exposición, organizada no marco da colaboración entre a Real Academia Galega de Belas Artes e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, está composta por 16 paneis nos que se reproducen algunhas das imaxes máis representativas da súa produción fotográfica, entre elas as da serie Mariñeiros, que contribuíron a situar a súa obra entre as máis destacadas da fotografía estatal, así como outras que amosan o seu labor como documentalista en diferentes lugares.
As fotografías acompáñanse de breves textos de figuras como Luis Seoane, Blanco Amor, Manuel Sendón, Xosé Luís Suárez Canal, Domingo García-Sabell, Miguel de Unamuno, José Bergamín, Juan Manuel Bonet, Rafael Alberti, Publio López Mondéjar, Carlos Casares ou Lois Tobío, quen recoñeceron o valor artístico da súa obra nun momento no que a fotografía aínda non gozaba de plena consideración como disciplina artística.
A mostra poderá visitarse en Lugo ata o 31 de maio e posteriormente continuará a súa itinerancia por outras localidades galegas como A Coruña, A Guarda, Vigo, Ribeira, Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela, dentro do programa de homenaxe que a RAGBA desenvolverá ao longo do ano.
Nacido en Allariz en 1902, José Suárez foi unha figura marcada pola vangarda e o exilio, cunha sólida formación intelectual e pensamento liberal. Relacionouse con personalidades como Unamuno, Blanco Amor, Seoane ou Alberti, así como con figuras internacionais como Akira Kurosawa. A súa obra, influída pola Nova Obxectividade, caracterízase por unha mirada moderna e centrada na figura humana, afastada do folclorismo e próxima ás correntes europeas máis innovadoras.
O Día das Artes Galegas, instaurado pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015, celébrase cada 1 de abril e tivo como primeira figura homenaxeada a Mestre Mateo, mentres que en 2025 a distinción recaeu en Isaac Díaz Pardo.