A preocupación e o enfado dominan as emocións políticas da cidadanía, segundo un estudo da USC

A preocupación e o enfado son as emocións que predominan na relación da cidadanía española cos principais líderes políticos, mentres que a desconfianza marca a percepción dos medios de comunicación. Esta é unha das principais conclusións do primeiro avance do Barómetro de Emocións Políticas de España, elaborado polo Equipo de Investigacións Políticas (EIP) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que tamén constata que a maioría da poboación se considera feliz malia o contexto político actual.
Os resultados do estudo foron presentados pola directora do EIP e profesora titular de Ciencia Política da USC, Nieves Lagares, quen asegurou que “a política do noso tempo é unha política emocionada e non vai volver atrás”. O traballo de campo realizouse entre o 9 de xuño e o 4 de xullo de 2026 mediante 600 entrevistas.
Segundo explicou Lagares, a investigación parte da idea de que a política non só se analiza desde a razón, senón tamén desde as emocións. "A política non vai só do que se pensa ou do que se decide. A política séntese, e aquilo que sentimos condiciona o que percibimos e a importancia que lle concedemos", afirmou durante a presentación.
O estudo revela que o 95,3 % das persoas enquisadas manifesta polo menos unha emoción cara a algún dos principais líderes políticos, fronte ao 4,7 % que asegura non experimentar ningunha. Pedro Sánchez é o líder que esperta máis reaccións emocionais, cun 88,6 %, seguido de Santiago Abascal, co 83,8 %, Alberto Núñez Feijóo, co 78,5 %, e Yolanda Díaz, co 74,4 %.
O equipo investigador destaca que a expresión pública das emocións experimentou unha profunda transformación nos últimos quince anos. Se no primeiro estudo realizado polo EIP en 2011 menos da metade das persoas recoñecían emocións cara á política, na actualidade esa porcentaxe sitúase preto do cen por cento. Para Lagares, este cambio evidencia que "houbo momentos nos que a cidadanía sentía emocións, pero non as expresaba. Agora asistimos a unha explosión da expresión do que se sente".
A análise conclúe tamén que todos os líderes políticos xeran ao mesmo tempo emocións positivas e negativas, aínda que estas últimas son claramente maioritarias. Pedro Sánchez concentra tanto a maior porcentaxe de emocións positivas, cun 39,1 %, como de negativas, cun 76,2 %. No caso de Alberto Núñez Feijóo, as emocións positivas sitúanse no 37,5 % e as negativas no 58,6 %, mentres que Yolanda Díaz rexistra un 36,2 % de positivas e un 51,6 % de negativas. Santiago Abascal obtén un 27,8 % de emocións positivas e un 68 % de negativas.
Entre as emocións analizadas, a preocupación e o enfado aparecen como as máis frecuentes respecto dos catro líderes. Pedro Sánchez é quen xera maior nivel de orgullo, cun 24 %, pero tamén concentra as maiores porcentaxes de preocupación, cun 61,6 %, e de enfado, cun 59,3 %. Pola súa banda, Santiago Abascal destaca especialmente pola emoción do medo, que alcanza o 43 % das respostas, moi por riba das rexistradas polo resto dos dirixentes políticos.
O barómetro analiza tamén a percepción da cidadanía sobre España. O orgullo é a emoción máis estendida, expresada polo 78,8 % das persoas entrevistadas, seguida moi de preto pola preocupación, cun 72,3 %. A investigación conclúe que ambas emocións conviven sen resultar contraditorias, permitindo que unha mesma persoa se sinta orgullosa do país e, ao tempo, preocupada pola súa situación.
No caso de Galicia, o 79 % das persoas enquisadas manifesta orgullo cara a España, mentres que o 45,2 % expresa enfado, unhas cifras moi próximas á media estatal, aínda que lixeiramente superiores neste último indicador.
Outro dos aspectos destacados do estudo é a percepción dos medios de comunicación. A desconfianza sitúase como o sentimento predominante, presente no 26,3 % das respostas, seguida da tristeza, co 20,1 %, e do enfado, co 18,3 %. As emocións positivas representan unicamente o 6,2 % das respostas, mentres que a confianza apenas alcanza o 3,7 %.
A investigación conclúe tamén que a sociedade española mantén un elevado nivel de benestar persoal. A felicidade media sitúase en 7,64 puntos sobre dez, unha cifra moi similar á rexistrada polo propio equipo en anos anteriores e por outros barómetros estatais. Para Nieves Lagares, estes datos desmontan a percepción dunha sociedade dominada polo pesimismo. "Os españois e as españolas sentímonos felices. Existen preocupacións, enfados e situacións críticas, pero a semántica dunha vida infeliz que ocupa boa parte do discurso político non se corresponde coa realidade dos datos", asegurou.
O Equipo de Investigacións Políticas da USC prevé dar continuidade a este barómetro con dúas medicións anuais. A seguinte realizarase no mes de novembro, mentres que os resultados completos desta primeira edición presentaranse en setembro no XVIII Congreso Español de Ciencia Política e da Administración, que se celebrará en Granada.