A produción ecolóxica en Galicia triplica o seu valor na última década e supera os 118 millóns de euros

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou o forte crecemento da produción ecolóxica en Galicia, cuxo valor económico se triplicou na última década ata superar os 118 millóns de euros en 2025.
A titular autonómica participou na presentación da Memoria anual do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
Segundo os datos presentados, o sector ecolóxico galego pasou de pouco máis de 40 millóns de euros en 2016 a máis de 118 millóns no último exercicio, superando tamén os 111 millóns acadados en 2024 e consolidando así unha tendencia de crecemento continuado.
A conselleira puxo en valor o potencial deste tipo de produción, que aposta polo respecto ao medio ambiente e pola sustentabilidade, e destacou que Galicia segue a avanzar neste modelo en consonancia coas políticas europeas.
En termos de estrutura produtiva, o Craega rexistrou tamén un incremento significativo no número de operadores. Así, o número de produtores medrou máis dun 40 % na última década, acadando os 1.005 en 2025, mentres que as industrias comercializadoras aumentaron un 72 %, ata chegar ás 273.
Ademais, a superficie inscrita no consello regulador supera xa as 46.600 hectáreas, localizadas principalmente nas provincias de Lugo e Ourense.
María José Gómez subliñou que a agricultura e a gandaría ecolóxicas forman parte da aposta estratéxica de Galicia pola sustentabilidade e lembrou que este modelo está recoñecido dentro dos 38 selos de calidade diferenciada existentes na comunidade, entre os que se inclúen denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e o distintivo de Artesanía Alimentaria.