A quinta edición do ciclo “Rock entre Pedra e Poesía” terá a como protagonista a Xoel López

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou este mércores na presentación da quinta edición do ciclo “Rock entre Pedra e Poesía”, que terá lugar no claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova o vindeiro 23 de agosto, cun concerto do artista Xoel López.
No acto tamén estiveron presentes o director da área de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez, e o alcalde de Celanova, Antonio Puga.
Durante a presentación, o delegado territorial destacou a importancia de iniciativas como esta, que, segundo sinalou, “ten como principal obxectivo, que a través da música, se resalten espazos de incalculable valor patrimonial e cultural como ten a provincia de Ourense”. O ciclo conta co patrocinio de Turismo de Galicia e coa colaboración da Deputación Provincial e do Concello de Celanova.
As entradas xa están dispoñibles e o aforo estará limitado a 800 persoas sentadas, con asento garantido por orde de chegada. O concerto dará comezo ás 21:00 horas.