A rapa das bestas volve encher o Campo do Oso en Mondoñedo

Centos de persoas asistiron ao curro de Santa María Maior, que contou coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
MONDOÑEDO rapa bestas campo do oso
28 Jun 2026

O Campo do Oso, en Mondoñedo, acolleu este domingo unha nova edición da rapa das bestas, unha tradición que as ganderías de Santa María Maior manteñen viva xeración tras xeración e que volveu reunir a centos de persoas arredor do curro.

Durante a xornada, o público seguiu o traballo das aloitadoras e aloitadores, encargados de rapar e identificar os cabalos. O deputado de Rural, Daniel García, asistiu á celebración e destacou o seguimento que esta actividade logra ano tras ano.

García defendeu que a dimensión festiva e turística da rapa debe servir tamén para recoñecer o labor das gandeiras e gandeiros, que contribúen á conservación do territorio, das paisaxes e á prevención do abandono e dos incendios.

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegou 16.000 euros á organización, boa parte destinados a investimentos no curro e noutros elementos para o manexo do gando.

A programación incluíu tamén unha degustación de hamburguesas de carne de poldro de Pura Raza Galega, dentro do programa de promoción de produtos de razas autóctonas 'Un gusto de rural, un rural degusto'.

0.46670794487