A Real Academia de Doutores recupera a figura da científica barreirense Aurora Sampedro

A institución publica unha semblanza da investigadora cando se cumpren 30 anos do seu falecemento e ante a próxima edición dun libro sobre o seu legado
aurora-sampedro
26 Sep 2026

A Real Academia de Doutores de España (RADE) recuperou a figura da científica barreirense Aurora Sampedro coa publicación dunha semblanza sobre a súa traxectoria, coincidindo co 30 aniversario do seu falecemento. Sampedro naceu en 1913 en San Pedro de Benquerencia e faleceu en 1996.

A lembranza foi elaborada polo doutor en Enxeñería Pedro José Rivero Fuente, que repasa unha carreira vinculada á investigación científica, á formación académica e ao desenvolvemento de traballos pioneiros en diferentes ámbitos da ciencia.

A RADE destaca tamén o carácter cosmopolita de Aurora Sampedro, así como o seu interese polas artes e as humanidades. A súa carreira desenvolveuse nun momento no que o acceso das mulleres a postos de responsabilidade no ámbito científico estaba condicionado polas dificultades existentes naquela época.

Sampedro incorporouse á Real Academia de Doutores de España en 1977, cando foi nomeada académica da Sección de Ciencias Experimentais. Agora, tres décadas despois do seu falecemento, a institución recupera a súa figura mediante esta nova publicación.

A semblanza coincide ademais coa próxima edición do libro ‘Ciencia con nombre de mujer. El legado de Aurora Sampedro’, escrito por Pedro José Rivero Fuente e Manuel Rivero Pérez, que afonda na traxectoria e no legado da científica de Barreiros.

Manuel Rivero Pérez subliña a importancia das diferentes iniciativas que están contribuíndo a recuperar a súa figura. “Con esta semblanza, coa publicación deste novo libro, o traballo da Cátedra de Muller e Ciencia da Universidade Pública de Navarra e a entrega dos premios Bítere de Honra 2026 a nosa científica é toda unha referencia, algo que nos enche de orgullo”, sinala.

0.33841705322266