A Real Academia Galega de Belas Artes reclama transparencia e mérito na elección da nova dirección do CGAC

Lembra que lle corresponde á Xunta de Galicia a competencia exclusiva para designar á persoa responsable da dirección do CGAC
A Deputación apoia un ano máis a programación cultural da RAGBA con 20.000 euros
3 Jun 2026

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) trasladou á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia un comunicado institucional no que fixa a súa posición sobre o recente nomeamento da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O pronunciamento foi acordado durante unha sesión ordinaria celebrada o pasado 30 de maio, na que o plenario da institución abordou a situación do principal museo galego dedicado á arte contemporánea.

No comunicado, a Academia expresa en primeiro lugar o seu “máximo respecto institucional” cara ao CGAC, ao que define como o “buque insignia” da arte contemporánea galega. Precisamente pola relevancia estratéxica do centro, a RAGBA considera que a súa dirección debe recaer nun perfil con “altísima especialización”, experiencia acreditada na xestión de museos de arte contemporánea e un proxecto profesional aliñado cos retos actuais do sector cultural.

A institución académica defende ademais que o acceso á dirección dos grandes equipamentos culturais debe rexerse “estritamente” polos principios de mérito e capacidade, en liña cos manuais de boas prácticas vixentes no ámbito cultural e museístico.

Neste senso, lembra que lle corresponde á Xunta de Galicia a competencia exclusiva para designar á persoa responsable da dirección do CGAC, aínda que subliña que esa elección debe desenvolverse “sen ningún tipo de restrición” e fundamentada nos criterios de mérito e capacidade que rexen o acceso ao emprego público.

A Real Academia Galega de Belas Artes tamén reivindica o seu papel como órgano consultivo da Xunta de Galicia e asegura que continuará traballando “de maneira construtiva, pero tamén vixiante” para garantir que as políticas culturais impulsadas en Galicia respondan “aos máis altos estándares de calidade e profesionalidade”.

0.42801809310913