A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá en Lugo un concerto en lembranza de Xulián Parga

Sergey Malov dirixirá a formación e actuará como solista de violín e violoncello da spalla o 4 de decembro no Círculo das Artes, nun programa dedicado a Mozart, Bach e Boccherini
Sergey Malov
29 Nov 2026

A Sociedade Filharmónica de Lugo organiza o venres 4 de decembro un concerto en lembranza de Xulián Parga Rodríguez, que correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia. A actuación terá lugar ás 20:00 horas no Círculo das Artes e contará coa dirección e interpretación do músico Sergey Malov, que actuará co violín e co violoncello da spalla, un instrumento de menor tamaño ca o violoncello convencional e cun son especialmente diáfano.

O programa, titulado 'Lembrando aos clásicos', propón unha revisión de varias obras fundamentais do repertorio sinfónico desde un enfoque historicista. A selección inclúe a 'Sinfonía núm. 1 en Mi bemol maior, KV. 16', de Wolfgang Amadeus Mozart; o 'Concerto para violín en sol menor', de Johann Sebastian Bach, nunha reconstrución; o 'Concerto para violoncello en Re maior', de Luigi Boccherini, e a 'Sinfonía núm. 41 en Do maior, KV. 551', coñecida como 'Xúpiter', tamén de Mozart.

A proposta percorre diferentes etapas da música clásica. Entre as obras destaca a primeira sinfonía de Mozart, que o compositor escribiu con só oito anos, como parte da súa aprendizaxe musical. Pola súa banda, o concerto para violín de Bach chegou ata a actualidade tras un labor de recuperación e reconstrución. O seu segundo movemento contén unha das melodías máis inspiradas do autor, que tamén empregou na 'Cantata 156'.

O concerto de Boccherini achegará vitalidade e lirismo ao programa, que rematará coa 'Sinfonía Xúpiter', unha das composicións máis complexas e esixentes de Mozart, escrita nunha etapa de gran madurez creativa.

Sergey Malov, natural de San Petersburgo, está considerado un intérprete de gran versatilidade e virtuosismo. Domina o violín, a viola, o violín barroco e o violoncello da spalla, instrumento co que desenvolve unha parte destacada do seu traballo artístico. O seu repertorio abrangue desde a música barroca ata a contemporánea, con especial atención aos estilos e ás técnicas interpretativas propias de cada época.

Ao longo da súa carreira obtivo premios en destacados certames internacionais, entre eles os concursos Paganini de Xénova, Mozart de Salzburgo e Heifetz de Vilna, así como o ARD de Múnic e o Concurso de Viola de Tokio. Como solista actuou con formacións como a Orquestra da BBC de Londres, a Filharmónica de Londres e a Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera.

Tamén traballou como solista e director con agrupacións especializadas en música antiga e barroca. Desde setembro de 2017 é profesor da Musikhochschule de Zúric e conta con gravacións publicadas por diferentes selos discográficos internacionais.

0.94830012321472