'A rebelión da lectura' gaña o Premio Frei Martín Sarmiento

O álbum ilustrado A rebelión da lectura, de Fran Alonso e Chus Rojo, resultou gañador na 1ª categoría (1º e 2º de primaria) dos XXII Premios Frei Martín Sarmiento. Estes galardóns naceron en 2003 co obxectivo de fomentar a lectura do libro en galego entre o alumnado pertencente á rede de Escolas Católicas.
A rebelión da lectura foi publicado en 2024 por Cumio e escrito para o documental homónimo, dirixido por Alma Alonso e Asun Losada. O documental conta a historia de Espazo Lectura, unha asociación e biblioteca de Gondomar creada por un grupo de nais e pais e dedicada ao fomento da lectura desde a infancia ata a mocidade.
Polas actividades de Espazo Lectura pasaron moitas das figuras relevantes da literatura galega deste século, como Agustín Fernández Paz, Pedro Feijoo, Fina Casalderrey ou Ledicia Costas. Esta última describe a acollida dos nenos de Espazo Lectura como o máis próximo a "sentirse Taylor Swift". A asociación, que cumple vinte anos este 2026, foi recoñecida como mellor iniciativa de fomento á lectura en múltiples ocasións.
O conto celebra as dúas décadas de comunidade arredor da lectura cunha historia potente e emotiva que resalta a importancia dos libros como elementos transformadores e ferramentas para conseguir grandes cousas.
Cada ano, un grupo de profesores le as novidades publicadas polas editoriais galegas e selecciona dúas obras finalistas por cada categoría, que van desde 1º de primaria ata bacharelato. Posteriormente, arredor de 3.000 alumnos e alumnas participan nas lecturas dos libros finalistas e escollen os seus favoritos puntuando do 1 ao 10.
Este tipo de galardóns son de gran relevancia para autores e editoras de público infantil e xuvenil, pois é o propio lectorado, e non un xurado composto por adultos, quen escolle as obras gañadoras. Xa na pasada edición outro libro de Cumio, Clorinda Marween. Unha bruxa inventora, de María Vázquez Pupé, foi galardoado na 2ª categoría.