A Rede de Polos de Emprego e Apoio ao Emprego consolídase en Ourense con 1.000 proxectos asesorados

Desde a súa posta en marcha en 2022, a rede impulsou a creación de 110 novas empresas na provincia
Polo_emprendemento_baños_de_molgas
Polo de Emprendemento de Baños de Molgas
30 Dec 2025

A Rede de Polos de Emprego e Apoio ao Emprego segue consolidándose na provincia de Ourense segundo o último balance da Xunta de Galicia. Os datos amosan que desde 2022 esta Rede acompañou máis de 1.000 proxectos e impulsou a creación de 110 novas empresas na provincia, a través das oficinas de Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín, desde onde se ofrece asesoramento gratuíto e personalizado a quen desexan iniciar ou consolidar un negocio.

Durante este tempo, o equipo técnico realizou aproximadamente 3.400 titorías, tanto presenciais como en liña, adaptándose ás necesidades específicas de cada fase do proxecto empresarial. Destaca tamén a alta participación feminina, xa que o 57 % dos proxectos asesorados están promovidos por mulleres, reflectindo un papel cada vez máis relevante do emprendemento feminino na economía local.

En canto aos sectores de actividade, os servizos representan a maior parte dos proxectos (23 %), seguidos da hostalaría (16 %) e do comercio (13 %), o que amosa a variedade e a vitalidade das iniciativas que reciben apoio.

Ademais, a Rede de Polos ofrece un servizo especial para facilitar a transmisión de negocios en funcionamento, axudando a manter empresas abertas e evitar peches por falta de relevo xeracional. En Ourense, preto dunha trintena de proxectos están dispoñibles para a súa venda ou cesión, promovendo así a continuidade de negocios consolidados.

O papel da Rede non se limita ao asesoramento, xa que tamén impulsa a dinamización local a través de case 500 actividades organizadas ata a data, incluíndo encontros con entidades, formacións e eventos dirixidos a fomentar o desenvolvemento económico e social da zona.

Este modelo forma parte da Estratexia de Emprego Ligado ao Territorio que a Xunta puxo en marcha coa meta de fortalecer o talento local, reter poboación e dinamizar a economía en todas as provincias galegas. Esta estratexia contribuíu ao recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e consolídase cunha planificación que se estenderá ata 2030, na que participan activamente diversos axentes do sector.

⚙ Configurar cookies
0.29805898666382