A rede de psicoloxía clínica en atención primaria da Xunta acadará os 36 profesionais en 2027, segundo Caamaño

No primeiro semestre no ano, os servizos de psiquiatría do Sergas realizaron ao redor de 217.000 consultas, das que aproximadamente 80.000 corresponderon a psicoloxía clínica
medicos-psiquiatras-psiquiatria
7 Oct 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe, no pleno do Parlamento, que a rede de psicoloxía clínica en atención primaria da Xunta incorporará 8 novos profesionais o vindeiro ano, sumando así un total de 36, co obxectivo de chegar aos 50 no 2030.

En resposta a unha interpelación parlamentaria, o titular de Sanidade incidiu na intensa actividade asistencial dos servizos de psiquiatría das sete áreas sanitarias no primeiro semestre no ano, período no que realizaron ao redor de 217.000 consultas, das que aproximadamente 80.000 corresponderon a psicoloxía clínica.

O conselleiro explicou que a Xunta vén de aprobar recentemente o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, cun orzamento de 177 millóns de euros, que incrementa en case un 50 % o persoal sanitario especializado respecto do anterior e reforza a rede sanitaria pública con 357 novos profesionais, dos cales 124 serán facultativos especialistas da psiquiatría e da psicoloxía clínica.

O plan prevé, ademais, 12 millóns de euros en obras e equipamentos nas sete áreas sanitarias.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro explicou que Galicia conta hoxe cunha rede ampla para atención de adultos, con 45 unidades de saúde mental, 252 camas de hospitalización breve e 177 prazas de hospital de día.

Para a atención da saúde mental da poboación infanto-xuvenil, Galicia conta con 10 unidades específicas, 18 camas de hospitalización e 92 prazas de hospital de día.

A rede de saúde mental tamén dispón de dispositivos de rehabilitación hospitalaria e dunha rede comunitaria de máis de 1.400 prazas en centros de rehabilitación, pisos protexidos e unidades residenciais.

O Plan Estratéxico de Saúde Mental 2026-2030 conta con prioridades claras, ocupando a infancia e a adolescencia un lugar central, prevendo ampliar progresivamente a atención ata os 18 anos e creando novas unidades de hospitalización na Coruña, Ferrol e Ourense, co que se superará o dobre da capacidade actual.

O plan tamén prevé incrementar, polo menos un 20 %, as prazas de rehabilitación comunitaria, ademais de estender a hospitalización a domicilio e reforzar os equipos de continuidade de coidados.

O conselleiro explicou que a prevención do suicidio forma parte dese compromiso coa atención e coa continuidade dos coidados. Ao respecto, Galicia conta con sete unidades de prevención intensiva, unha por área sanitaria e co Código Agarimo como vía rápida para menores en risco.

Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño recoñeceu o traballo dos profesionais que cada día fan posible esa atención de calidade.

0.40827608108521