A Rede Museística de Lugo converte o patrimonio nun fío de apoio fronte ao estigma da saúde mental

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) conmemora o Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro, facendo balance de dúas décadas de traballo arredor da museoloxía social e da utilización do patrimonio como ferramenta de encontro, memoria, coidado e inclusión.
Ao longo destes vinte anos, a Rede, dependente da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, desenvolveu iniciativas destinadas a abordar a saúde mental desde a perspectiva dos dereitos culturais e a combater o estigma que tradicionalmente rodeou o sufrimento psíquico. A xerente da RMPL, Encarna Lago, resumiu esta filosofía ao sinalar que "onde outras persoas ven obxectos, nós vemos testemuñas humanas".
Un dos principais exemplos deste traballo é a exposición "A vida tralos labirintos mentais e outras historias soterradas", no Pazo de Tor. O proxecto naceu a partir da recuperación de fondos do arquivo histórico, obxectos do propio pazo e testemuños artísticos relacionados co antigo hospital psiquiátrico de Castro de Ribeiras de Lea.
A proposta percorre a evolución da percepción e do tratamento do sufrimento psíquico desde o Antigo Réxime ata a actualidade e reúne diferentes perspectivas sobre a saúde mental, a memoria e a exclusión. Entre os contidos figuran obras e investigacións de Xosé Reigosa, Entolearte, Luz Darriba e Micaela Fernández Darriba, Marcos Lorenzo e Simón Vicente López.
A Rede tamén desenvolve iniciativas centradas no presente, como "Coñecer, coidar, compartir. Unha rede de museos para o bo vivir", integrada no programa "Museoloxía social: saúde, cultura de paz e bo vivir". A actividade conta xa coa participación de máis de 180 mulleres e combina dinámicas de autocoidado, conciencia corporal e mobilidade con espazos de diálogo arredor do patrimonio.
O obxectivo é favorecer as relacións comunitarias e crear redes de apoio fronte á soidade e ao illamento. Segundo a RMPL, este modelo de traballo levou a Organización Mundial da Saúde a incluír a experiencia da Rede na súa Biblioteca Global de Medicina Tradicional.
A aposta pola inclusión tamén se traslada ao ámbito laboral mediante o convenio de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia. Grazas a este acordo, persoas usuarias da entidade realizan estancias de formación e prácticas laborais de seis meses nos museos da Rede, desempeñando tarefas de atención e vixilancia de sala.
A iniciativa pretende facilitar experiencias laborais en contornas normalizadas, favorecer a autonomía e contribuír á eliminación de estereotipos relacionados coa saúde mental.
O traballo desenvolvido en Lugo será tamén presentado nas xornadas "Saberes especializados y saberes por experiencia. Perspectiva histórica en Salud Mental", organizadas pola Asociación Española de Neuropsiquiatría - Profesionales de Salud Mental (AEN), que se celebrarán os días 22, 23 e 24 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.
Encarna Lago participará neste encontro para achegar a experiencia acumulada pola Rede durante dúas décadas e explicar o papel da museoloxía social como ferramenta para conectar a memoria histórica relacionada coa atención psiquiátrica cos coñecementos e experiencias en primeira persoa.
Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, a Rede Museística reivindica así a necesidade de abordar o benestar emocional máis alá dunha única xornada do calendario e defende o papel dos espazos culturais como lugares de encontro, participación e apoio comunitario.
A institución pon tamén o foco na realidade da saúde mental en Galicia. Segundo os datos oficiais provisionais do Instituto Nacional de Estatística citados pola RMPL, no ano 2025 rexistráronse 295 suicidios na comunidade. Neste contexto, a Rede sinala a importancia de reforzar as redes de apoio e combater o illamento social, defendendo que o patrimonio pode actuar como un espazo para preservar a memoria, xerar comunidade e favorecer a inclusión.