A Rede Museística Provincial de Lugo abre o seu patrimonio ao mundo cun novo portal dixital

A plataforma Encontro, baseada no software libre VuFind, unifica os arquivos, bibliotecas e coleccións dos catro museos da rede para facilitar o acceso ao coñecemento
portal-encontro-museos
3 Nov 2026

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) dá un novo paso na súa transformación dixital coa posta en marcha de Encontro, un portal que permite consultar nun único espazo os fondos documentais e as coleccións dos seus museos. A iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Área de Cultura, busca eliminar barreiras no acceso á información e poñer o patrimonio provincial ao alcance de toda a cidadanía.

A plataforma, dispoñible en https://encontro.redemuseisticalugo.org/, está desenvolvida mediante VuFind, un software libre e de código aberto creado para bibliotecas, arquivos e centros de documentación. A ferramenta permite realizar buscas unificadas a través dunha interface intuitiva e multilingüe, substituíndo ou complementando os catálogos tradicionais.

Na actualidade, Encontro xa integra fontes primarias e coleccións do Pazo de Tor e do Museo do Mar, así como unha parte dos fondos do Museo Provincial. A previsión é incorporar progresivamente a totalidade das coleccións da rede, ademais de ofrecer diferentes exposicións virtuais.

O novo portal responde á aposta da Rede Museística por unha transformación dixital sostible e inclusiva. A institución, que foi o primeiro museo galego en contar cunha páxina web e cunha presenza activa nas redes sociais, pretende agora ampliar o alcance do seu patrimonio e facilitar a súa consulta tanto desde o ámbito local como desde calquera lugar do mundo.

A proposta combina, segundo explica a entidade, unha dimensión internacional, ao abrir os seus arquivos a públicos máis amplos, cunha atención ás necesidades sociais do territorio máis próximo. Deste xeito, Encontro busca converterse nun espazo común no que veciñanza e profesionais poidan acceder aos recursos, aprender e compartir coñecemento.

O proxecto enmárcase nos principios da museoloxía social, dos que a Rede Museística Provincial é referente, e parte da idea de que «a diversidade é a norma e non a excepción». Fronte a un contorno dixital cada vez máis dominado por grandes empresas e orientado ao consumo pasivo, a plataforma aposta por un modelo aberto, integrador e accesible.

A iniciativa pretende así contribuír á igualdade de acceso á cultura e favorecer a creación de redes de colaboración arredor do patrimonio e do coñecemento compartido.

0.34240388870239