A refinería da Coruña encara tres novas xornadas de folga para reclamar emprego e investimentos

O persoal da refinería da Coruña está chamado a secundar tres novas xornadas de folga os días 3, 4 e 5 de xullo para reclamar máis emprego, mellores condicións laborais, maior seguridade e un plan de investimentos que garanta o futuro do complexo industrial.
A convocatoria dá continuidade aos paros realizados os días 26 e 27 de xuño, nos que, segundo a CIG, quedou paralizado o 95% dos traballos ordinarios de mantemento. Con todo, a central sindical asegura que no resto das áreas foi practicamente imposible exercer con normalidade o dereito á folga debido aos servizos mínimos fixados, que chegaron case ao 100% da actividade en distintos departamentos.
A sección sindical da CIG estuda iniciar accións legais ao considerar que Repsol está a facer unha interpretación abusiva da orde ministerial que establece os servizos esenciais mínimos. O sindicato entende que esta situación podería supoñer unha vulneración do dereito fundamental á folga.
Entre os motivos da mobilización, a representación sindical sinala a destrución progresiva de emprego e a ausencia dun plan de investimentos para modernizar as instalacións da Coruña. A CIG advirte de que a redución de persoal está a deteriorar as condicións de traballo, aumentando os riscos para as persoas e para a propia seguridade das instalacións.
O sindicato tamén denuncia que o cadro de persoal está a asumir unha maior carga laboral, con prolongacións de xornada que poden chegar ás 12 e 16 horas. Por iso, chama ás traballadoras e traballadores a secundar a folga e a mobilizarse na defensa de condicións dignas.
A CIG reclama a Repsol un plan industrial inmediato, público e con garantías, que inclúa investimentos reais na refinería da Coruña e unha transición enerxética xusta que non se utilice como escusa para precarizar nin destruír postos de traballo.