A repotenciación do parque eólico Serra da Loba inicia a exposición pública con cinco aeroxeradores de maior potencia

A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto de repotenciación do parque eólico Serra da Loba, así como o seu estudo de impacto ambiental. A iniciativa afecta aos concellos de Aranga e Monfero, na provincia da Coruña, e aos de Guitiriz e Xermade, en Lugo.
O proxecto, promovido pola empresa Olivento S.L., contempla a renovación tecnolóxica das instalacións actuais mediante a instalación de cinco aeroxeradores Vestas V-172, cunha potencia unitaria de 7,2 MW, o que permitirá alcanzar unha potencia total de 36 MW.
Segundo recolle o acordo publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), o investimento previsto ascende a 29.840.382,79 euros e o prazo estimado para executar as obras é de doce meses, unha vez obtidas as autorizacións necesarias.
A actuación inclúe tamén a instalación dunha nova torre meteorolóxica de 114,2 metros de altura, unha rede soterrada de media tensión para conectar os aeroxeradores coa subestación Serra da Loba e a adaptación desta infraestrutura para asumir a nova potencia xerada. Ademais, manterase a evacuación da enerxía mediante a liña aérea de 66 kV que conecta coa subestación de Sidegasa.
Exposición pública e avaliación ambiental
O proxecto está sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, polo que tanto o proxecto de execución como o estudo de impacto ambiental poderán consultarse nas dependencias da Xunta en Santiago, A Coruña e Lugo, así como nos concellos de Aranga, Monfero, Guitiriz e Xermade.
A documentación tamén está dispoñible no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
As persoas interesadas poderán presentar alegacións, observacións ou suxestións durante un prazo de 30 días, contado desde o día seguinte á publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.
A repotenciación consiste na substitución da tecnoloxía existente por aeroxeradores máis modernos e eficientes, permitindo incrementar a produción eléctrica cun menor número de máquinas e mellor rendemento enerxético.