A represión das mulleres durante o franquismo centra unha mesa de memoria histórica en Lugo

A actividade, organizada pola Fundación Luis Tilve e a Deputación o 29 de outubro, abordará os abusos do Patronato de Protección a la Mujer e os avances no recoñecemento das vítimas
fachada-Deputación-de-Lugo-portada
27 Oct 2026

O salón de actos da Deputación de Lugo acollerá o vindeiro xoves, 29 de outubro, ás 19:30 horas, a mesa de debate "A represión das mulleres. O Patronato de Protección a la Mujer", organizada pola Fundación Luis Tilve en colaboración coa institución provincial dentro do programa "Lugo con Memoria".

A sesión afondará na persecución e na vulneración de dereitos que sufriron as mulleres durante o franquismo, con especial atención ao funcionamento do Patronato de Protección a la Mujer. Este organismo recluía mozas para sometelas a procesos de reeducación por comportamentos considerados inadecuados polo réxime, como levar minifalda, fumar ou participar en manifestacións. As internas podían ser obrigadas a realizar traballos forzados sen remuneración ou permanecer illadas en celas de castigo.

Na mesa participarán Pilar García Porto, deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo; Tamara López Fernández, investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela e integrante do grupo Histagra; Montse Fajardo Pérez, autora de diversos traballos sobre memoria histórica e feminismo; e Silvia Fernández Quinteiro, avogada e investigadora sobre o Patronato, que tamén asesorou xuridicamente no recoñecemento das vítimas. A súa intervención estará relacionada co caso de Eva García de la Torre, exalcaldesa socialista do Porriño, recoñecida o pasado ano como vítima deste organismo franquista.

O encontro permitirá, ademais, analizar os pasos dados para lograr o recoñecemento das mulleres que padeceron a represión institucional. A sesión estará moderada por Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve.

0.22211909294128