A residencia de Valga acollerá unha unidade pioneira para a investigación na recuperación de ictus

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou o empuxe do alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, que, da man da iniciativa privada e coa colaboración da Xunta, dotará ao concello dunha residencia de maiores de vangarda. Fíxoo no acto de presentación deste proxecto, que se desenvolverá nunha parcela de máis de 8.000 metros cadrados situada no lugar de A Gándara.
Fabiola García fixo fincapé no carácter pioneiro da actuación, xa que contempla unha unidade pioneira para a formación e a investigación na recuperación de ictus en colaboración coas universidades galegas. A nova residencia, que será a primeira da que dispoña Valga, suporá a creación de 150 prazas e incluirá, entre outros servizos, módulos de convivencia de xeriatría. Tamén disporá dunha área de servizos sanitarios e de amplas zonas axardinadas.
A conselleira sinalou que a Xunta traballa para que as persoas maiores poidan elixir onde e como queren pasar esta etapa das súas vidas, que de maneira maioritaria é nas súas casas e na súa contorna. Ao respecto explicou que para atender a esta preferencia, o Executivo autonómico impulsou medidas pioneiras como o Bono Coidado no Fogar, que reciben xa case 40.000 galegos.
Nesta liña, Fabiola García tamén destacou a subida do financiamento da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que xestionan os concellos. Este incremento é posible tras un acordo histórico coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que no caso de Valga suporá un incremento extra de case 600.000 euros, sumando 1,9 millóns de euros en tres anos.
Ademais, a conselleira explicou que para aquelas persoas maiores que precisan doutro tipo de coidados, máis especializados, o Goberno galego está a ampliar a oferta de prazas residencias. A este obxectivo responde o novo plan de residencias, que permitirá construír 24 novos centros en concellos de menos de 50.000 habitantes; o impulso de 3.500 novas prazas residenciais sostidas con fondos públicos ata 2028 ou a implantación dun novo modelo de coidados centrado nas persoas e no aproveitamento das novas tecnoloxías.