A rodaxe da película 'Aguas Rotas' busca actores e figurantes cun gran casting en Burela

A Mariña converterase no escenario dunha nova produción cinematográfica este outono. A produtora IAE iniciará o vindeiro mes de novembro a rodaxe de 'Aguas Rotas', a nova longametraxe dirixida por Patxi Isasti. Co obxectivo de implicar á poboación local e dar un caiz de autenticidade á historia, a organización abriu unha convocatoria para seleccionar figurantes e pequenos papeis entre os habitantes da comarca.
As probas presenciais desenvolveranse na Casa da Cultura de Burela durante as xornadas do xoves 9 e o venres 10 de xullo. O proceso está coordinado pola axencia Let's Casting, en colaboración co Concello de Burela e as firmas Tréboa e Vértigo Films. Os promotores buscan perfís moi variados e naturais, concretamente homes e mulleres cunhas idades comprendidas entre os 15 e os 85 anos, así como nenas de entre 5 e 8 anos que residan na zona.
Para participar non se require experiencia previa no mundo do espectáculo, xa que se valorará a espontaneidade dos aspirantes. Ademais, todos os traballos de figuración durante a rodaxe serán remunerados. As sesións de selección realizaranse en horario de mañá, de 10.30 a 14.00 horas, e de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Para axilizar o proceso e evitar esperas, recoméndase solicitar unha cita de forma anticipada a través das vías de contacto habilitadas pola organización.