A Romaría de Santa Minia reúne centos de visitantes na súa primeira edición como Festa de Interese Turístico de Galicia

A programación inclúe música tradicional, concertos, espectáculos de rúa e máis de 150 postos de venda, mentres o domingo se celebrará o Día Grande con Luar na Lubre
romeria-santa-minia-2026
26 Sep 2026

A Romaría de Santa Minia de Brión vive esta fin de semana a súa primeira edición tras ser recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia e xa rexistra unha importante afluencia de visitantes. O bo tempo está a favorecer a chegada de público á contorna do santuario, tanto para participar nas celebracións relixiosas como para gozar da gastronomía e das actividades organizadas polo Concello.

Durante a tarde do venres e as primeiras horas do sábado, centos de persoas achegáronse á carballeira para degustar polbo e churrasco nas cinco polbeiras instaladas e participar na programación cultural. As racións de polbo e churrasco manteñen este ano un prezo de 15 euros, mentres que tamén se ofrecen outros produtos como pementos, callos, criollos ou arroz. Na contorna hai ademais varias food-truck con propostas gastronómicas diferentes.

A programación cultural comezou o venres coa primeira das tres sesións do X Festival Monecadas, a cargo de Trécola Teatro de Marionetas no auditorio do centro social polivalente. O sábado ás 17.30 horas actuará a portuguesa Compañía Heliodora co espectáculo ‘Barbacena’, mentres que o domingo Fantoches Baj pechará o festival con ‘Novos lobos’. Todas as actuacións son de entrada libre e gratuíta.

Outro dos momentos destacados da xornada do sábado foi a actuación das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión na praza do Concello, seguida do concerto de Ruth Cundíns no recentemente restaurado Palco da Música da Carballeira de Santa Minia. A artista local aproveitou a ocasión para estrear ante o público a canción ‘Santa Minia de Brión’, que posteriormente presentou tamén no programa ‘Luar’ da TVG.

Pola noite, as orquestras Finisterre e Olympus e o DJ El Capitán Sabrosura puxeron música á celebración, mentres as persoas asistentes continuaron achegándose ás polbeiras instaladas na contorna da carballeira.

Entre o venres e a mañá do sábado tamén comezaron a instalarse os máis de 150 postos e casetas autorizados para a romaría. Durante o domingo ocuparán a estrada de acceso ao santuario e ofrecerán produtos como rosquillas, lambonadas, embutidos, churros, xeados, artesanía, velas, imaxes relixiosas, ferramentas e artigos de segunda man.

A programación musical do sábado inclúe tamén as actuacións da charanga Os Celtas, o grupo de gaitas Devagarinho e a orquestra Suavecito, que protagonizará a sesión vermú e regresará pola noite xunto a La Banda de Ayer. Á media noite, a fachada da capela de Santa Minia será escenario dun espectáculo de luz e son con vídeo mapping, que recreará unha queima virtual e contará diferentes historias antes da tradicional tirada de fogos de artificio.

A xornada do domingo 27 estará marcada pola celebración do Día de Santa Minia. O programa comezará cun pasarrúas e concerto do grupo de gaitas O Pichel, seguido da charanga Os Celtas e da sesión vermú coa Orquestra Miramar.

Ás 13.00 horas terá lugar a misa solemne na honra a Santa Minia e a recepción de autoridades na entrada da Carballeira. Está confirmada a presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela; o comisario para o Ano Santo Xacobeo 2027, Marcos Gómez; os alcaldes de Ames, Blas García; Negreira, Ángel Leis; Dodro, Xabier Castro, e Porto do Son, Luís Oujo; o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira Piñeiro; e o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas.

Xa pola tarde, a agrupación musical tradicional Tíralle do Aire realizará un pasarrúas e a Banda de Música Municipal de Brión ofrecerá un concerto ás 18.00 horas na praza do Concello.

O principal concerto desta edición chegará ás 20.00 horas coa actuación de Luar na Lubre e o seu espectáculo ‘Lubre 40 aniversario’, unha proposta de 120 minutos coa que o grupo celebra os seus corenta anos de traxectoria. A Orquestra Miramar será a encargada de pechar a edición de 2026 da Romaría de Santa Minia a partir das 22.00 horas.

0.34819579124451