A seca pon contra as cordas ao agro galego: a FRUGA alerta do risco de peche de explotacións

A Federación Rural Galega (FRUGA) alerta de que a prolongada situación de seca está a colocar ao sector agrogandeiro galego nunha situación crítica e advirte de que numerosas explotacións, tanto de leite como de carne, poderían verse obrigadas a reducir o número de cabezas de gando ante a imposibilidade de asumir os custos da alimentación.
A falta de forraxe e o elevado prezo dos alimentos para o gando están a incrementar a presión económica sobre unhas explotacións que xa afrontan importantes dificultades de rendibilidade. Segundo a organización, esta situación pode provocar unha diminución da produción e da rendibilidade das granxas, pero tamén comprometer directamente a súa viabilidade ata o punto de obrigar algunhas a pechar, agravando así o proceso de desertización do rural galego.
A FRUGA considera que as consecuencias do cambio climático seguirán afectando Galicia e o conxunto do planeta e sinala que os episodios de seca extrema poden converterse nunha realidade cada vez máis habitual. Por este motivo, a organización entende que, ademais de medidas inmediatas para facer fronte á actual situación, é necesario desenvolver políticas estruturais que permitan adaptar as explotacións agrarias galegas a un novo escenario climático.
Desde a Federación Rural Galega reclaman ao Goberno galego “unha resposta ante estas circunstancias” e unha actuación decidida para apoiar as explotacións. A organización considera que “non é de recibo a inacción ou desentenderse do estado crítico” polo que está a atravesar o agro galego.
Entre as primeiras medidas que reclama a FRUGA figura a creación dunha liña de axudas extraordinarias destinada ás explotacións agrarias para facer fronte á situación actual e á previsible escaseza de alimento nos vindeiros meses, especialmente no caso das explotacións gandeiras.
A organización tamén demanda un plan de medidas estruturais para adaptar o sector ao cambio climático e defende que o Goberno galego debe actuar de maneira coordinada en diferentes ámbitos para preparar o país ante as transformacións que anticipan as previsións científicas.
Neste sentido, a FRUGA considera prioritario impulsar a investigación e implantación de especies herbáceas para pasto máis resistentes á seca, así como desenvolver novas variedades de cultivos forraxeiros e outras especies vexetais adaptadas ás novas condicións. A organización reclama que o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo conte con recursos económicos e persoal suficiente para converterse no motor deste proceso de adaptación das explotacións agrarias galegas.
A xestión da auga ocupa tamén un lugar central nas propostas da organización. A FRUGA defende unha xestión adecuada deste recurso público, que será cada vez máis escaso, e reclama que a ordenación dos usos da auga priorice o abastecemento da poboación e a produción de alimentos por riba dos usos industriais ou da produción eléctrica.
A federación cuestiona neste punto o papel das grandes compañías eléctricas na xestión dos caudais dos ríos galegos e critica que poidan decidir sobre os usos da auga en función dos seus intereses económicos. Tamén considera incompatíbel a instalación de grandes proxectos industriais cun elevado consumo de auga, como Altri, con outros usos vinculados á produción de alimentos e ao abastecemento da poboación.
Ao mesmo tempo, a FRUGA reclama optimizar os plans de rega existentes e impulsar novas infraestruturas alí onde sexan necesarias, sempre vinculadas ás explotacións agrarias e á produción de alimentos.
Outra das propostas pasa por facilitar axudas para dotar as propias explotacións de infraestruturas que permitan facer un uso máis eficiente da auga. Entre as actuacións sinaladas están a recuperación de augas sucias, o aproveitamento e almacenamento da auga da chuvia e a mellora da eficiencia nas captacións e no transporte deste recurso.
A organización considera igualmente imprescindible avanzar nunha ordenación do territorio que permita preservar e recuperar superficie agraria. Para a FRUGA, garantir que as explotacións dispoñan de suficiente base territorial constitúe unha das principais garantías para o futuro do sector.
Neste ámbito, a federación reclama frear a expansión “descontrolada” do eucalipto, ao tratarse, segundo sinala, dunha especie especialmente consumidora de auga e con capacidade para reducir a dispoñibilidade deste recurso. Tamén alerta do seu impacto sobre a capacidade de retención de auga dos solos e sobre o potencial erosivo dos terreos.
A FRUGA propón ademais que a Administración galega elabore un “mapa da auga” que permita coñecer a situación dos recursos hídricos en cada comarca e localidade. A partir desta información, a organización considera que debería determinarse a necesidade de regular os tipos de cultivos e as plantacións forestais nas zonas sometidas a maior tensión hídrica.
Por último, a Federación Rural Galega reclama a creación de mecanismos estables de interlocución co sector agrario, coas organizacións e cos profesionais, co obxectivo de analizar a situación e definir de maneira conxunta as medidas necesarias para afrontar tanto a crise actual como os retos que se presentan a medio e longo prazo.
A FRUGA considera que a seca xa non pode ser abordada como un fenómeno puntual e reclama á Xunta unha estratexia que combine axudas inmediatas para evitar o peche de explotacións con políticas estruturais destinadas a garantir a supervivencia e adaptación do agro galego nun escenario marcado polo cambio climático.