A selección galega de loitas olímpicas proclámase campioa de España na Liga Iberdrola

Vigo converteuse o pasado sábado no epicentro das loitas olímpicas coa celebración de dúas competicións de ámbito nacional no pavillón central de As Travesas. A selección galega asinou uns resultados históricos ao proclamarse campioa de España por seleccións na final da Liga Iberdrola de Loita Feminina e conseguir o terceiro posto no Campionato de España por Comunidades Autónomas.
A xornada reuniu arredor de 200 participantes entre deportistas, árbitros, técnicos e delegados, e supuxo a recuperación do protagonismo do pavillón de As Travesas neste deporte, despois de catro décadas sen acoller Campionatos de España na cidade.
Na final da Liga Iberdrola de Loita Feminina, que reuniu as mellores deportistas absolutas nas categorías de peso olímpicas, Galicia proclamouse campioa de España por seleccións. O equipo galego destacou especialmente grazas ás medallas de ouro de Candela Castro, do Club Atila de Ourense, na categoría de menos de 68 quilos, e Nerea Pampín, do Club Keltoi de Vila de Cruces, na de menos de 62 quilos. Pola súa banda, Ana Ferro, do Club Senín de Vilagarcía, conseguiu a medalla de prata na categoría de menos de 76 quilos, malia sufrir unha lesión durante a final.
A selección galega tamén conseguiu o terceiro posto no Campionato de España por Comunidades Autónomas, malia afrontar a competición condicionada polas lesións de Kevin Cuba Goás, do Club de Loita Vilalba, na categoría de menos de 125 quilos, e Manuel González, na de menos de 65 quilos. Estas baixas obrigaron o equipo galego a comezar cada enfrontamento con dous puntos en contra, ao non poder competir en dúas das nove categorías de peso que conforman o campionato.
Na modalidade de Loita Libre Olímpica participaron Joel Castro, do Keltoi de Vila de Cruces, nos 65 quilos; Saúl Bello e Moisés Bello, do San Ignacio de Vigo, nos 86 quilos, e Iago Fernández, do Pontevedra, nos 125 quilos.
En Loita Feminina competiron Nerea Pampín, do Keltoi de Vila de Cruces, nos 62 quilos; Ana Ferro, do Senín de Vilagarcía, nos 76 quilos, e Candela Castro, do Atila de Ourense, nos 68 quilos.
Pola súa banda, na modalidade de Loita Grecorromana participaron Samuel Pérez, do Club de Loita Pontevedra, nos 67 quilos; Gonzalo Caparrós, do Atila de Ourense, e Pablo García, do Club de Loita Pontevedra, ambos os dous nos 87 quilos.
A competición tamén destacou pola ampla representación do Colexio Galego de Árbitros, que foi o máis numeroso do campionato e puxo de manifesto o nivel nacional dos colexiados galegos. Ángel Amor, de Vigo; Marcos Araujo, do San Ignacio de Vigo; Daniel Fernández, do Kuzushi de Vigo; Aimara Osco, do Ciudad de Vigo; Nerea Iglesias, da Escola Ayude, e Ana López, do Club LoitaLugo, foron os encargados de dirixir as distintas probas.
A organización puxo en valor a aposta do Concello de Vigo por acoller esta cita deportiva, que permitiu dar visibilidade ao traballo dos clubs no desenvolvemento das loitas olímpicas e situar os equipos vigueses e galegos no primeiro plano do deporte nacional, nun escenario destacado e ante a súa afección.