A serie Rapa arrasa nos XXIII Premios Mestre Mateo

A serie Rapa, dirixida por Jorge Coira e Javier Cámara, converteuse na gran triunfadora da gala dos XXIII Premios Mestre Mateo, conseguindo once galardóns. A produción de Portocabo e Movistar Plus, creada e escrita por Pepe Coira e Fran Araújo, levou, entre outros premios, o de Mellor Serie de Televisión e Mellor Dirección.
A terceira tempada de Rapa pecha un ciclo no que todas as súas entregas foron recoñecidas como Mellor Serie nos Mestre Mateo, consolidando o seu éxito na ficción galega.
Por primeira vez, a gala celebrouse en Lalín, grazas ao apoio do Concello de Lalín, a Deputación de Pontevedra e AGADIC – Xunta de Galicia, e foi retransmitida en directo pola Televisión de Galicia.
Éxito de Rapa en interpretación e categorías técnicas
Rapa, que partía como unha das grandes favoritas con 18 candidaturas, brillou especialmente nas categorías de interpretación. Levaron premio:
- Mónica López – Mellor Interpretación Feminina Protagonista
- Darío Loureiro – Mellor Interpretación Masculina Protagonista
- Diego Anido – Mellor Interpretación Masculina de Reparto
No apartado técnico, a serie tamén arrasou con premios en:
- Mellor Guión – Pepe Coira e Fran Araújo
- Mellor Dirección de Fotografía – Jaime Pérez
- Mellor Dirección de Produción – Ana Míguez
- Mellor Montaxe – Gaspar Broullón, Lu Rodríguez e Jorge Coira
- Mellor Maquillaxe e Perruquería – Fanny Bello e Gemma Márquez
- Mellor Música Orixinal – Xavi Font