A Subdelegación do Goberno e o Concello avalían o descenso da criminalidade en Santiago

Os datos correspondentes ao primeiro semestre de 2026, que reflicten un descenso do 2,3 % na taxa respecto ao mesmo período de 2025
xunta-local-de-seguridade-santiago
13 Oct 2026

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, copresidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a evolución da criminalidade en Compostela. Na xuntanza tamén participaron o concelleiro de Convivencia, Xan Duro, a comisaria da Policía Nacional en Santiago, Nuria Palacios, e outros representantes da CNP, Policía Nacional Adscrita, Garda Civil de Tráfico, e Policía Local.

Na Xunta Local de Seguridade analizáronse os datos correspondentes ao primeiro semestre de 2026, que reflicten un descenso do 2,3 % na taxa de criminalidade de Santiago de Compostela respecto ao mesmo período de 2025. A baixada prodúcese tanto na criminalidade convencional, que se reduce un 2,6 %, como na ciberdelincuencia, cun descenso do 1,5 %. Tanto a alcaldesa como a subdelegada do Goberno na Coruña destacaron a coordinación entre a Policía Nacional e a Policía Local como unha ferramenta fundamental para reforzar a seguridade cidadá no municipio, e puxeron en valor a colaboración entre as dúas institucións.

A Xunta Local de Seguridade tamén analizou a situación da violencia de xénero e o funcionamento dos mecanismos de coordinación e protección das vítimas. O Concello de Santiago está adherido ao Sistema VIOGÉN, a ferramenta do Ministerio do Interior para o seguimento integral dos casos de violencia de xénero. Na provincia da Coruña contabilízanse 2.759 casos activos neste sistema, con 30 concellos da provincia adheridos ao sistema VIOGÉN.

No ámbito da prevención e atención á violencia de xénero, Santiago recibiu 240.622 euros procedentes dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero desde 2018, destinados a apoiar actuacións municipais neste ámbito.

Outro dos asuntos abordados na xuntanza de hoxe foi o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas, impulsado polo Ministerio do Interior. Ao seu abeiro, no curso 2025-2026 a Policía Nacional desenvolveu 45 charlas que chegaron a 3.576 persoas da comunidade educativa de Santiago e a súa contorna. As actividades xiraron arredor de temas como os riscos de internet, a violencia de xénero, o acoso e o ciberacoso, os delitos de odio, as adiccións, e as drogas e o alcohol. Tamén se impartiron sesións sobre videoxogos e redes sociais e prevención dos delitos sexuais.

O labor preventivo enmarcado neste Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade completouse con visitas educativas á Comisaría Local de Santiago, a colaboración con centros de ensino e a participación en iniciativas de orientación profesional.

A Xunta Local de Seguridade permitiu revisar a situación da seguridade no municipio e as actuacións que desenvolven as distintas administracións e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, cunha atención especial á prevención, á protección das vítimas de violencia de xénero e á seguridade dos menores.

0.45763397216797