A tarifa media nos hoteis de Santiago en agosto foi a máis elevada da serie histórica do INE, con 112,92 euros

Os hoteis de Compostela sumaron en 188.143 estadías, un 0,71% máis que en agosto do ano pasado, segundos os datos do INE. Este dato consolida a tendencia que se está a ver dende xuño, nunha estabilización da demanda respecto dos mesmos meses do ano pasado, logo un periodo complexo polo peche da base de Ryanair.
O cambio de tendencia estase apoiando nun crecemento moi forte do turismo internacional tanto en xullo como en agosto. En xullo foi do 8,34% e en agosto foi dun gran 30,39%, con 89.558 estadías, que é a maior cifra que se da na cidade de turismo internacional nun mes de agosto.
Estes dous datos de crecemento do turismo internacional foron posibles en boa medida ao novo modelo que se está implantando no aeroporto cun maior número de compañías e novos destinos internacionais, como United con Nueva York, KLM con Amsterdam, Aer Lingus coa incorporación de Cork, Lufthansa ampliando a diario a sua ruta con Franckfurt.
Ademais, a maior presenza de turismo internacional permite que o prezo por habitación dispoñible aumente, polo que cunha demanda similar, os ingresos son maiores. O mes de xuño xa marcou o prezo máis alto da serie do INE, con 111,99 euros por habitación dispoñible, superando o anterior máximo, que fora en xuño do ano pasado, con 110,95. Pero é que ademáis o mes de agosto superou aínda este máximo, con 112,92 euros.
Así, os datos do INE do verán, pese ao peche da base de Ryanair, indican que se estabilizou a demanda turística grazas a un incremento do turismo internacional, que permitiu que as tarifas medias por habitación dispoñible fosen as máis elevadas dende que hai rexistros.
Neste marco, as perspectivas tanto para o último cuatrimestre coma para o ano que ven son positivas. Neste mes de setembro a cidade acolle un número moi relevante de congresos e eventos e no mes de outubro celebrarase o SEMERGEN, un congreso médico con 5.000 participantes.
Ademais, a partir de novembro comezará a operar Wizz Air, que abrirá a súa base o 17 de decembro, con dez rutas, oito domésticas e dúas internacionais, a Roma e Varsovia, e unha oferta de prazas anual dunhas 900.000.