A UDC e Navantia impulsan unha nova etapa do CEMI cun investimento de máis de catro millóns de euros

O proxecto consolídase tras unha década de actividade na que conseguiu mobilizar máis de 13 millóns de euros e reunir a máis dun cento de investigadores
navantia-udc
27 May 2026

O salón de actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolleu este mércores a presentación da segunda fase do Centro Mixto de Investigación (CEMI), unha iniciativa conxunta da Universidade da Coruña e Navantia que contará cun financiamento de 4,1 millóns de euros para o período 2026-2028.

O proxecto, apoiado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, consolídase tras unha década de actividade na que conseguiu mobilizar máis de 13 millóns de euros e reunir a máis dun cento de investigadores arredor da innovación tecnolóxica aplicada ao ámbito naval e industrial.

Durante o acto, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, puxo o foco na importancia da colaboración entre institucións, empresas e tecido investigador para avanzar en proxectos estratéxicos. Na súa intervención destacou especialmente o valor humano do CEMI, subliñando que o principal patrimonio do centro reside nas persoas que forman parte del. Tamén agradeceu o compromiso mantido pola Xunta, Navantia e as empresas colaboradoras, facendo referencia á recente incorporación da firma ferrolá STGO.

Pola súa banda, o director do estaleiro Navantia Ría de Ferrol, Eduardo Dobarro, definiu a presentación desta nova etapa como unha xornada “de celebración” e reivindicou a capacidade innovadora do sector naval ferrolán. Dobarro asegurou que as fragatas construídas en Ferrol son referentes a nivel internacional e destacou o papel do CEMI como ferramenta para incorporar tecnoloxías punteiras aos procesos industriais, mencionando entre elas o desenvolvemento do xemelgo dixital aplicado á fragata F-110.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, enmarcou esta iniciativa dentro da estratexia galega de investigación para os próximos anos e salientou a necesidade de transformar o coñecemento e o talento en valor económico e social. Segundo indicou, os diferentes centros mixtos impulsados en Galicia permitiron crear arredor de mil postos de traballo e mobilizar máis de 180 millóns de euros.

O acto concluíu coa intervención do conselleiro delegado de STGO, Pablo González, quen destacou a importancia de participar nun proxecto destas características desde Ferrol. González defendeu unha visión da innovación baseada na experimentación continua e na mellora constante, asegurando que esta nova etapa do CEMI debe entenderse como un novo punto de partida para seguir avanzando no desenvolvemento tecnolóxico e industrial.

0.31800699234009