A UVigo deseña unha estratexia de prevención e xestión de incendios forestais no suroeste europeo

A Universidade de Vigo coordina a elaboración dunha estratexia de prevención e xestión de incendios forestais no suroeste europeo, un documento que busca reforzar a prevención a través da mellora e xestión dos espazos forestais, a preparación das comunidades e a cooperación entre territorios. A iniciativa desenvólvese no marco do proxecto Use4Forest, financiado polo programa Interreg Sudoe, no que participan trece institucións e entidades de España, Portugal e Francia.
O traballo foi coordinado por persoal investigador da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo e presentado no marco do peche do proxecto, celebrado en Carcassonne. A estratexia abre agora un período de consultas cos socios para incorporar revisións e achegas antes da súa implantación. A previsión é que sexa adoptada por, cando menos, cinco administracións participantes de España, Portugal e Francia.
Use4Forest iniciouse en 2024 cun financiamento de preto de tres millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O seu obxectivo central é definir unha estratexia de prevención de incendios no suroeste europeo mediante a mellora dos espazos forestais e a integración de medidas de xestión, planificación e resiliencia territorial.
A proposta elaborouse a partir dunha análise comparada de 14 documentos de política e planificación de prevención e defensa contra incendios a escala rexional, nacional e europea, así como das conclusións dos proxectos piloto desenvolvidos polos diferentes socios de Use4Forest.
Entre as experiencias analizadas figuran a creación de cortalumes produtivos, a modelización do comportamento dos incendios, o deseño de actuacións preventivas na interface urbana-forestal mediante sistemas de información xeográfica e a elaboración de mapas de combustibles actualizables.
A partir destes materiais realizouse unha primeira elaboración e metaanálise, apoiada no criterio de expertos e no uso de grandes modelos de linguaxe de intelixencia artificial. Posteriormente, desenvolveuse un proceso participativo de priorización que permitiu definir os principais ámbitos de actuación da estratexia.
Sete eixes para reforzar a prevención e a resiliencia
O documento estrutúrase en sete eixes de actuación que integran diferentes medidas para abordar o risco de incendios forestais desde unha perspectiva global.
O primeiro céntrase na prevención dos lumes mediante a xestión do territorio, apostando pola xestión integrada, as infraestruturas preventivas, a activación económica do medio rural e as tarefas de conservación e restauración preventiva.
O segundo eixe aborda o coñecemento, os datos e a gobernanza do risco, con accións relacionadas co uso de sistemas de información e o impulso da investigación e da innovación aplicadas.
O terceiro está dedicado á preparación social e á resiliencia das comunidades, mediante iniciativas de educación, sensibilización e preparación comunitaria.
O cuarto promove unha resposta operativa coordinada, con especial atención ás innovacións tecnolóxicas de apoio á toma de decisións, á cooperación entre operativos e á seguridade.
O quinto eixe céntrase na recuperación e na aprendizaxe tras os incendios, incluíndo medidas de restauración e avaliación dos episodios acontecidos.
O sexto busca fortalecer o sistema de xestión do risco mediante unha gobernanza e un financiamento integrados, así como o reforzo das capacidades das administracións e dos axentes implicados.
Por último, o sétimo eixe aposta pola cooperación internacional e a transferencia de coñecemento, co obxectivo de facilitar o intercambio de experiencias e a aplicación de solucións entre os territorios do suroeste europeo.
Investigación para identificar as zonas con maior risco
No marco de Use4Forest, o persoal investigador da Escola de Enxeñaría Forestal tamén desenvolveu estudos orientados a mellorar o coñecemento do risco de grandes incendios forestais.
Un deles, baseado en máis de 120.000 simulacións, permitiu identificar áreas con maior probabilidade de sufrir grandes incendios no noroeste de España e Portugal e no sur de Francia. Este tipo de investigación contribúe a orientar a planificación preventiva e a priorizar actuacións nos territorios máis vulnerables.
A estratexia coordinada pola UVigo pretende así trasladar os resultados da investigación e das experiencias piloto a un marco común de actuación, que permita ás administracións participantes avanzar cara a unha prevención máis eficaz e unha maior resiliencia fronte aos incendios forestais.
No proxecto Use4Forest participan, xunto coa Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil de Portugal, a Deputación de Ourense, a Junta de Castilla y León, o Instituto Politécnico de Bragança, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Hazi Fundazioa, Tecnalia Research Innovation e diferentes entidades e administracións territoriais de Portugal e Francia.