A UVigo recibe o II Premio AFAGA polo seu labor investigador contra o alzhéimer

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), de Vigo, concederá o seu II Premio AFAGA á Universidade de Vigo (UVigo), no marco das XXIII Xornadas Internacionais sobre o Alzhéimer, que se celebran mañá, a partir das 9:00 h, no Auditorio de Afundación de Vigo, baixo o lema Idadismo e Inclusión Social. Recollerá o premio Carmen García Mateo, reitora da UVigo, durante unha pausa nas intervencións, programada arredor das 11:00 h.
Con este galardón, AFAGA recoñece o compromiso e o labor da institución académica viguesa e do seu ecosistema como socio estratéxico en distintos proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, deseñados para abordar novas respostas na loita contra o alzhéimer e outras demencias. Entre outros, AFAGA colaborou con atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, no testeo e desenvolvemento do axente conversacional “Frida”, o asistente de voz “Celia” para persoas maiores —este último desenvolvido na actualidade pola spin-off Serenia Solutions—, o proxecto de realidade virtual inmersiva “Revicog 3.0” ou o videoxogo baseado en IA para o cribado da deterioración cognitiva “The Mind Guardian”, cuxo lanzamento se levou a cabo grazas á colaboración entre Samsung España e outros socios.
En consonancia co lema da vixésimo terceira edición das Xornadas Internacionais sobre o Alzhéimer, que se celebran mañá, AFAGA premia ademais o apoio da Universidade de Vigo na loita contra o estigma do idadismo no conxunto da sociedade galega, unha das máis lonxevas do mundo. A institución foi unha peza clave na creación en 2022 da Cátedra de Idadismo Afaga-Atendo, a primeira cátedra sobre esta temática que existe en España.
Centrada na realización de actividades académicas destinadas a difundir o coñecemento e a promover a investigación no campo do idadismo e da interxeracionalidade, a Cátedra de Idadismo Afaga-Atendo da UVigo traballou en estreita colaboración coa Xunta de Galicia na primeira Estratexia Galega contra o Idadismo 2025-2031. Este informe inclúe medidas para cambiar a percepción negativa do envellecemento, asegurar a equidade nos servizos e promover as relacións entre distintas xeracións, co obxectivo de eliminar a discriminación por idade e fomentar unha sociedade máis inclusiva, onde as persoas maiores conten con plena participación e dereitos.
“Para AFAGA é un orgullo contar entre os nosos socios cunha institución académica de prestixio como a Universidade de Vigo, á que queremos recoñecer con este II Premio AFAGA, tanto o seu labor de investigación na abordaxe das demencias con novas respostas e solucións tecnolóxicas como o seu apoio incondicional na sensibilización e traslado de coñecemento á sociedade nos ámbitos do envellecemento e a súa desestigmatización”, sinala Juan Carlos.
Pola súa banda, a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, agradece, en nome de toda a comunidade universitaria, este galardón e destaca a traxectoria de AFAGA, que leva máis de tres décadas acompañando as persoas con alzhéimer e outras demencias e as súas familias, cunha decidida aposta pola investigación e a innovación. “Este premio recoñece tamén o traballo dos nosos centros de investigación, cuxos equipos atoparon en AFAGA a experiencia e o coñecemento necesarios para desenvolver solucións tecnolóxicas axustadas ás necesidades das persoas afectadas. É unha excelente mostra do sentido que debe ter a transferencia de coñecemento nunha universidade pública: que os avances científicos contribúan a mellorar a vida das persoas”.
García Mateo reafirma a vontade de seguir estreitando a colaboración entre ambas as entidades: “Pola súa singularidade demográfica e o seu potencial científico, Galicia reúne as condicións para seguir reforzando a súa posición de referente na investigación sobre o envellecemento. Desde a Universidade de Vigo queremos seguir contribuíndo a estes obxectivos, sumando o coñecemento de distintas disciplinas para avanzar na prevención e na detección precoz da deterioración cognitiva, favorecer a autonomía das persoas maiores e combater a discriminación por razón de idade. O conseguido ata agora xunto a AFAGA anímanos a ser aínda máis ambiciosos”.
Espazo de coñecemento de referencia no ecosistema sociosanitario de Galicia
As XXIII Xornadas Internacionais sobre o Alzhéimer que se celebran mañá, de 9:00 h a 14:15 h, no Auditorio de Afundación en Vigo (Rúa Policarpo Sanz, 24-26), reunirán expertos nacionais e internacionais, profesionais, académicos e personalidades de distintas institucións do ecosistema sociosanitario de toda Galicia e da súa área de influencia.
O eixe central das xornadas xirará arredor do idadismo e a inclusión social, para abordar distintas temáticas como a saúde cerebral feminina, a relación do sono, o envellecemento e a hixiene bucodental coas demencias, novas experiencias inclusivas e proxectos enfocados á comunidade, a soidade non desexada en distintos colectivos sociais ou aprender das demencias con casos clínicos reais.
Irene Escudero Martínez, neuróloga con dedicación clínica á patoloxía cerebrovascular, doutora en Biomedicina e experta afiliada da entidade suíza Women’s Brain Foundation, será a relatora que abrirá as xornadas ás 9:15 h coa súa presentación: “Saúde cerebral feminina, o que o idadismo nos impide ver e previr”.
Ás 10:00 h, abrirase un espazo sobre a prevención da deterioración cognitiva como reto social, coas intervencións da neuróloga e especialista en neurofisioloxía clínica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), Iria Lagoa Labrador, e da odontóloga especializada en periodoncia, Adriana Sanz, para abordar a vinculación das demencias co sono, o envellecemento e a hixiene bucodental.
Arredor das 11:00 h, farase entrega do II Premio AFAGA Alzhéimer á UVigo.
Tras a entrega do galardón, está previsto un panel centrado en casos de éxito e experiencias inclusivas dentro da comunidade. Participarán José Carreira, presidente de STOP Edadismo Portugal e representante de ADI (Alzheimer Disease International), e Romulus Neagu, bailarín coreógrafo e coordinador artístico de INTRUSO A.C., para explicar o seu proxecto “ID Memória Futura” sobre a intervención comunitaria con persoas con alzhéimer e coidadores, utilizando a arte como ferramenta terapéutica. Xunto a eles, Paco Novo Vázquez, traballador social da Fundación 26 de Decembro, abordará na súa intervención o idadismo, a soidade non desexada e a deterioración cognitiva en persoas maiores LGTBIQ+, e Antonio Sagués Amadó, médico experto en xestión e planificación sanitaria da Confederación Andaluza de Alzhéimer e Outras Demencias (ConFEAFA), falará sobre a incidencia da soidade non desexada nas persoas coidadoras.
A rolda de intervencións concluirá cunha conferencia da neuróloga especialista en neuroloxía cognitiva e secretaria do grupo de Neuroxeriatría da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) sobre como aprender das demencias máis alá do alzhéimer, mediante a experiencia coa exposición de cinco casos clínicos reais e vídeos testemuñais.