A veda da centola comeza o 20 de xuño, agás na provincia de Lugo, que será a partir do 1 de xullo

A Consellería do Mar acordou o Plan experimental para a xestión da centola e do boi para a campaña 2026-2027 e fixa o período de veda para o 2026 destes dous crustáceos. A decisión é froito da reunión mantida polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, coas organizacións representativas do sector, dando continuidade ao proceso de diálogo e cogobernanza impulsado pola Xunta.
O establecemento destes peches ten como finalidade protexer os momentos clave do ciclo biolóxico das especies, favorecer a recuperación e a renovación natural dos stocks, así como asegurar a continuidade dunha actividade de grande importancia económica e social para a frota artesanal.
No caso da centola, a veda adaptarase ás características biolóxicas da especie e manterá unha diferenciación territorial. Así, nas zonas A e B —desde a desembocadura do río Miño ata o meridiano que pasa polo cabo Estaca de Bares— a prohibición de captura estará vixente desde as 00.00 horas do 20 de xuño ata as 00.00 horas do 8 de novembro de 2026.
Pola súa banda, na zona C —desde o meridiano do cabo Estaca de Bares ata o río Eo— o período de veda prolongarase desde as 00.00 horas do 1 de xullo ata as 00.00 horas do 29 de novembro de 2026, atendendo ás particularidades da evolución do recurso nesta área do litoral galego.
En canto ao boi, a veda será común para o conxunto das tres zonas de xestión e desenvolverase tamén desde as 00.00 horas do 20 de xuño ata as 00.00 horas do 8 de novembro de 2026.
Durante estes prazos quedará expresamente prohibida a captura destas dúas especies mediante calquera arte de pesca nas augas de competencia da Comunidade Autónoma. Ademais, as embarcacións que desenvolvan esta actividade mediante nasas deberán retirar estes aparellos do seu calado e trasladalos a porto mentres dure o peche.
A Consellería do Mar destaca que a experiencia dos últimos anos confirma que a protección dos períodos de maior actividade reprodutiva, especialmente no caso da centola, contribúe a reforzar a biomasa reprodutora e a mellorar a xestión da pesqueira. Este modelo compleméntase coa aplicación de cotas máximas diarias unha vez reaberta a campaña, favorecendo unha comercialización máis ordenada e evitando a concentración excesiva das capturas nos primeiros días de actividade.
Con esta decisión, a Xunta reforza a súa aposta por unha pesca responsable e sostible, sustentada na evidencia científica, na participación activa do sector e na procura do equilibrio entre a conservación dos recursos mariños e o mantemento da actividade económica nas comunidades costeiras.