A Verbena do Rella chega este sábado a Vilavidal con 200 artistas e máis de dez horas de música tradicional

A Verbena do Rella 2026 foi presentada oficialmente este venres na Sala de Prensa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, nun acto no que participaron a directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, Sandra Quintas; o director da Área de Cultura da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil; e o coordinador de actividades do evento, Alexandre Sotelino.
A cita, organizada por Rebulir, celebrarase este sábado, 4 de xullo, en Vilavidal, no municipio de Ramirás, e prevé converter esta localidade ourensá nun punto de encontro arredor da música, o baile e a cultura tradicional galega, coa asistencia de centos de persoas ao longo da xornada.
Durante a presentación, Sandra Quintas destacou a traxectoria de Rebulir e o labor desenvolvido pola entidade na promoción de iniciativas culturais desde o ámbito rural. A responsable autonómica puxo en valor este tipo de propostas pola súa contribución á conservación da cultura galega, así como pola súa capacidade para favorecer a participación e a transmisión do patrimonio cultural entre distintas xeracións.
Pola súa parte, Marcos Vázquez definiu a Verbena do Rella como unha iniciativa consolidada no ámbito da cultura de raíz e salientou a capacidade do encontro para reunir artistas e formacións de ampla traxectoria e para achegar a música tradicional a públicos diversos.
A alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil, expresou a satisfacción do concello por acoller un evento destas características, incidindo na súa contribución á dinamización do territorio e á posta en valor da historia e da identidade do municipio. Tamén subliñou a importancia de que o rural poida promover e recibir grandes eventos culturais capaces de atraer visitantes e xerar actividade social e económica.
O coordinador de actividades, Alexandre Sotelino, explicou que nesta edición a programación foi ampliada con novas propostas, o que permitiu acadar unha elevada resposta por parte do público. Segundo indicou, a organización estima a participación de preto de 200 artistas e integrantes de distintas formacións procedentes de diferentes puntos de Galicia, aos que se sumarán centos de asistentes ao longo da celebración.
Sotelino destacou tamén a importante demanda de aloxamentos e reservas rexistrada na comarca coincidindo coa celebración do evento. Segundo apuntou, a elevada ocupación dos establecementos da contorna reflicte o impacto que este tipo de iniciativas poden ter máis alá do ámbito cultural, contribuíndo tamén á dinamización turística e económica do territorio.
No cartel desta edición figuran grupos de referencia da música tradicional e de raíz galega como Carapaus, Coanhadeira, Airiños da Freba, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, entre outras formacións que participarán nunha programación que ofrecerá máis de dez horas de música e actividades vinculadas á tradición galega.
Durante a presentación tamén se informou da adaptación realizada na programación debido á alerta vermella por altas temperaturas. A organización decidiu reorganizar horarios e determinadas actividades para evitar as horas centrais de máis calor e favorecer o benestar tanto das persoas participantes como do público asistente.
Desde Rebulir explicouse que estas modificacións responden a criterios de prevención e responsabilidade e que permitirán manter a totalidade da programación prevista, trasladando as actividades principais ás franxas horarias consideradas máis adecuadas.
A Verbena do Rella continúa así reforzando a súa posición como unha das citas destacadas da cultura folk e tradicional galega e como unha mostra da capacidade do rural para impulsar eventos culturais de gran formato.