A vivenda centra en Monforte un foro que reunirá administracións, empresas e expertos da Ribeira Sacra

O encontro, promovido por Ribeira Sacra Next, a CEO e a CEL, analizará o impacto da falta de acceso á vivenda na fixación de poboación e no desenvolvemento económico do interior galego
presentacion-foro-vivenda-rs
12 Jun 2026

Monforte de Lemos acollerá o vindeiro 19 de xuño o Foro sobre a Vivenda na Ribeira Sacra, unha cita que reunirá representantes do ámbito empresarial, expertos en planificación territorial, administracións públicas e axentes políticos co obxectivo de abordar unha das principais preocupacións do territorio: as dificultades para acceder a unha vivenda.

A iniciativa, impulsada conxuntamente por Ribeira Sacra Next, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), presentouse este xoves na sede da patronal ourensá, onde os organizadores coincidiron en sinalar que a escaseza de vivenda está a limitar a capacidade de atraer e reter poboación e traballadores, especialmente nas zonas rurais.

Durante a presentación destacouse que o problema non responde só á falta de oferta, senón tamén á existencia de numerosos inmobles baleiros que non se incorporan ao mercado de alugueiro, o que agrava a desconexión entre demanda e dispoñibilidade real. Os promotores apuntaron tamén ás dificultades que atopan as empresas para contratar persoal cando non existen alternativas residenciais axeitadas nos propios concellos.

O foro desenvolverase no Parador de Turismo de Monforte de Lemos e estruturarase en varias mesas de traballo dedicadas ao diagnóstico da situación, ás ferramentas de intervención pública e privada, á coordinación institucional e ao posicionamento das formacións políticas. A xornada pecharase cun espazo de debate orientado a explorar posibles acordos amplos en materia de vivenda na Ribeira Sacra.

As conclusións que se extraian do encontro servirán como base para futuras propostas de actuación destinadas a mellorar o acceso á vivenda e contribuír á fixación de poboación no territorio.

0.30133295059204