A voz de Spandau Ballet soará por primeira vez en Galicia nas Festas de María Pita

Tony Hadley actuará o 16 de agosto na praza de María Pita cun concerto gratuíto no que repasará os grandes éxitos da banda británica e da súa carreira en solitario
A CORUÑA tony hadley
28 Jul 2026

As Festas de María Pita 2026 suman un novo nome internacional á súa programación musical. Tony Hadley, histórico cantante e voz de Spandau Ballet, ofrecerá un concerto gratuíto o vindeiro 16 de agosto na praza de María Pita dentro do ciclo Noites de María Pita.

O artista británico chegará á Coruña acompañado da súa Fabulous TH Band, coa que interpreta os grandes éxitos da súa etapa á fronte de Spandau Ballet e tamén temas da súa carreira en solitario. O público poderá escoitar cancións como 'True', 'Gold' ou 'Through the Barricades', convertidas en clásicos do pop británico dos anos oitenta.

A actuación terá ademais un carácter especial, xa que será a primeira vez que a voz orixinal de Spandau Ballet interprete estes temas en Galicia, despois de que a banda nunca chegase a actuar na comunidade durante a súa traxectoria.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que a incorporación de Tony Hadley reforza a aposta do Goberno local por ofrecer unha programación musical de calidade e dirixida a públicos de distintas xeracións. Segundo sinalou, as Festas de María Pita continúan consolidándose como unha referencia cultural do verán no noroeste peninsular grazas á combinación de artistas internacionais, galegos e estatais.

Hadley foi o líder dunha das bandas máis representativas do movemento New Romantic, que acadou éxito internacional durante os anos oitenta con discos como 'True'. Tras a súa etapa en Spandau Ballet, continuou a súa carreira en solitario, mantendo vivo o repertorio que marcou a historia do pop británico.

PROGRAMA COMPLETO

0.38139700889587