A voz dos alcaldes: Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove

O rexedor xovense reivindica unha xestión “eficiente e próxima” para seguir transformando o municipio
XOve-demetrio-salgueiro
20 Jun 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Con 18 anos, no primeiro ano de Universidade, fixen un curso de Comercio Exterior que organizaba o Partido Popular en Santiago. Alí coñecín moita xente e afilieime ó partido porque compartía os ideais dun partido de centro, dos principios de liberdade e igualdade, da xestión e das persoas, así como da importancia da política para acadalos e ter unha sociedade máis xusta.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

Propuxéronme dende o Partido Popular encabezar a lista no ano 2007, nun momento moi difícil para o partido en Xove, xa que tras estar gobernando con maioría absoluta dende había moitos anos, o Partido Popular quedara sen representación no Concello. Formamos unha lista con xente nova, formada, e con ilusión por traballar para Xove, gañamos as eleccións, e aquí sigo, por certo ca mesma ilusión que ca que cheguei a pesar do paso do tempo.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

O peor, perder moito tempo para estar ca familia. O meu fillo naceu o mesmo ano que entrei de Alcalde e non puiden desfrutar da súa infancia o que me tivera gustado. Son momentos que non se recuperan. Por iso, teño que agradecer á miña familia o seu sacrificio, comprensión e apoio, xa que a política municipal require moita adicación e nun concello pequeno máis aínda, xa que o Alcalde, aínda que delegue cousas, debe estar en tódalas decisións e estar ó fronte da xestión municipal.

E beneficios?

O orgullo de ver proxectos cumpridos que melloran o pobo e a calidade de vida dos veciños. Sobre todo os que levan moito de tempo e traballo e moitas trabas administrativas.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

A nivel político o meu único obxectivo é que os veciños estean orgullosos do seu concello e me vexan como un xestor que trata de conseguir o mellor para Xove.

E como Goberno de cara á próxima lexislatura?

Cara á próxima lexislatura, pido que o que estea, xa que hai unhas eleccións por medio, teña os mesmos obxectivos que mencionei na anterior pregunta.

Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?

Si se demostra que son bos para o Concello e para os veciños si. Algúns pactos só se fan para evitar que gobernen outros, sen pensar as consecuencias, e eses pactos non son bos.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Xove é un referente en Servizos Sociais e en apoio e colaboración co tecido asociativo que da vida ó municipio, polo que é preciso coidar ambas cousas. Precisamos incrementar o solo industrial, para conseguir atraer novas empresas xeradoras de postos de traballo. Traballamos tamén para mellorar as infraestruturas existentes, como son as estradas da Deputación e a rede viaria municipal ou as diversas instalacións municipais e crear algunhas novas, como o Centro de día ou o Porto Deportivo. É imprescindible tamén levar unha xestión rigorosa, eficiente e eficaz dos recursos municipais.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Neste momento estamos traballando para mellorar a calidade e xestión da auga, para o que se farán obras importantes e suporá un antes e un despois. Tamén é esencial mellorar a rede viaria da Deputación no Concello, arterias principais de comunicación cos distintos núcleos de poboación, para o que temos un convenio asinado e do que empezarán as obras en breve. Así como todos os que mencionei anteriormente.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Ademais de todos os mencionados, nos que estamos a traballar intensamente, teño que mencionar a residencia de Aspanane, que abrirá as súas portas a finais do verán e que axudará a moitas familias.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Gustaríame que me visen como unha persoa próxima, humilde e traballadora que trata de resolver os problemas e que só busca o mellor para Xove.

Como é a súa relación coa oposición?

Trato de ter unha relación cordial. Calquera persoa que traballe para mellorar o municipio e non só para facer política terá o meu recoñecemento.

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar.
    54 anos, casado con 1 fillo.
  • Profesión e formación.
    Licenciado en CC Económicas pola USC, e empregado do Concello de Burela, en excedencia dende o 2007.
  • Que quería ser de maior.
    De pequeno futbolista, como moitos nenos.
  • Que fas para desconectar?
    Ir de pesca, xogar ó billar e pasear.
  • Unha virtude e un defecto.
    Como virtudes a humildade e a positividade e como defecto seguro que moitos como todo o mundo.
  • Un consello para compartir.
    Escoita moito e pensa antes de falar.
  • Un libro.
    Crimen y Castigo
  • Unha película.
    Cadena Perpetua.
  • Un grupo de música/cantante.
    Metallica
  • Unha afección.
    A pesca e o billar.
  • Un lugar que visitar.
    Os acantilados de Morás
  • Unha comida e unha bebida.
    O cocido cun pouco de viño tinto.
  • Unha personaxe admirada.
    Amancio Ortega.
  • Unha posesión prezada.
    A miña casa.
  • Un desexo.
    Que haxa paz e máis bondade e comprensión nas persoas.
  • Algo para esquecer.
    Ver sufrir ás persoas, sobre todo ós seres queridos.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A humildade e a capacidade de traballo.
  • Como equilibra a vida pública e a privada?
    Trato de desconectar coa familia sempre que podo, aínda que o da Alcaldía é un traballo moi absorbente, que deixa pouco tempo libre.
  • Usa redes sociais e Whatsapp?
    Whatsapp a miúdo, moitas veces tamén por traballo. Outras redes, aínda que as miro, teño que recoñecer que cada vez as uso menos, xa que vexo moito odio e moito perfil feito só para a crítica e o insulto sen aportar nada.
  • Un desafío pendente.
    Ter tempo para viaxar máis, coñecer lugares, aínda que non é un desafío, senón un desexo.
  • Onde se ve en cinco anos?
    Supoño que traballando. Non teño grandes aspiracións e prefiro non pensar a longo prazo, senón ir día a día.
0.32291579246521