A voz dos alcaldes: Dolores García Caramés, alcaldesa de Cervo

A rexedora, que asumiu a Alcaldía en 2023 trala marcha de Alfonso Villares á Xunta, fala da súa experiencia á fronte do Concello, os retos do municipio e os proxectos de futuro
dolores-garcia-carames-CERVO
12 Jul 2026

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?

A política chegou á miña vida de forma natural. Sempre fun unha persoa moi activa e implicada na vida social do concello, e sempre tiven claro que quería aportar o meu gran de area para mellorar as cousas. A miña experiencia como traballadora municipal permitiume coñecer moi ben a realidade de Cervo e, máis tarde, como concelleira de Cultura, Educación e Facenda, tiven a oportunidade de traballar directamente por proxectos e iniciativas que beneficiaban aos veciños. Sempre entendín a política como unha forma de servir aos demais e de intentar mellorar a vida das persoas.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcaldesa?

Foi un paso importante. Cando Alfonso Villares asumiu novas responsabilidades na Xunta, tiven que continuar o proxecto que compartiamos. Aceptar a Alcaldía foi un orgullo, pero tamén unha gran responsabilidade. Coñecía o Concello desde dentro e sentinme preparada para asumir ese reto con ilusión e moitas ganas de seguir facendo avanzar Cervo, como tiñamos pensado facer.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

É certo que ser alcaldesa require moito tempo e moita dedicación. Hai días nos que os horarios pasan a un segundo plano e nos que non sempre podes facer todo o que che gustaría a nivel persoal ou familiar. Pero non o vexo como un sacrificio, senón como parte da responsabilidade que asumín. Ademais, teño a sorte de facer un traballo que me gusta e que me permite estar en contacto coa xente e axudar a resolver problemas. Cando ves que o esforzo serve para mellorar o día a día dos veciños, todo compensa.

E beneficios?

O mellor desta responsabilidade é o contacto diario coa xente. Gústame escoitar, compartir impresións e saber que o traballo que fas pode traducirse en melloras reais para os teus veciños. Non hai maior satisfacción que ver un proxecto convertido en realidade ou recibir o agradecemento dunha persoa á que puideches axudar.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Gustaríame seguir contribuíndo a que Cervo sexa un concello cada vez mellor para vivir, con máis oportunidades, mellores servizos e unha maior calidade de vida para todos. E, sobre todo, seguir sendo útil, porque o que máis me motiva desta responsabilidade é saber que o traballo diario pode axudar a mellorar a vida das persoas.

E como Goberno de cara á próxima lexislatura?

Con proximidade, escoitando á xente e atendendo as súas necesidades. Creo que a mellor maneira de gobernar é estar a pé de rúa, falar cos veciños e coñecer de primeira man as súas preocupacións. Tamén con responsabilidade na xestión dos recursos públicos e coa vista posta no futuro.

Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?

Eu creo que o máis importante é que haxa estabilidade para poder traballar e sacar adiante proxectos en beneficio dos veciños. En Cervo levamos moitos anos gobernando con maioría e iso permitiunos actuar con axilidade, planificar a longo prazo e cumprir moitos dos compromisos adquiridos coa veciñanza.

Persoalmente, penso que cando hai un proxecto sólido e a confianza dos veciños o avala, esa estabilidade é moi positiva para o concello. Ao final, do que se trata é de gobernar, de resolver problemas e de seguir mellorando o día a día das persoas, que é o que realmente importa.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Queremos seguir apoiando ao tecido asociativo, que realiza un labor fundamental na dinamización do concello; continuar mellorando os servizos no rural; avanzar na accesibilidade e na humanización dos espazos públicos das nosas vilas; e seguir impulsando iniciativas que favorezan a creación de oportunidades e melloren a calidade de vida da veciñanza.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Temos que seguir mellorando servizos e infraestruturas, especialmente no rural, e continuar creando oportunidades para que a xente nova poida desenvolver aquí o seu proxecto de vida. Tamén é fundamental seguir prestando atención ás persoas maiores e ás familias.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

Hai moitos proxectos dos que me sinto orgullosa porque detrás de cada un deles hai moito traballo, moita ilusión e, sobre todo, a vontade de mellorar a vida dos nosos veciños. Pero se teño que destacar algún serían Cervo Concilia e Arruguiñas, porque son iniciativas que fun vendo medrar desde o primeiro momento.

Cervo Concilia xurdiu coa intención de axudar ás familias a compatibilizar a súa vida laboral e familiar durante os períodos de vacacións escolares. Era unha demanda que moitos pais e nais nos trasladaban e hoxe é un programa plenamente consolidado, moi ben valorado e que presta un servizo fundamental a moitas familias do municipio.

E Arruguiñas é outro proxecto moi especial para min. Puxémolo en marcha nesta lexislatura como un programa integral de envellecemento activo para maiores de 60 anos, co obxectivo de fomentar hábitos saudables, a socialización e a participación activa dos nosos maiores. Ver a acollida que tivo e comprobar como contribúe ao benestar e á calidade de vida de tantas persoas é unha enorme satisfacción.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?

Gustaríame que me visen como unha persoa próxima, accesible e traballadora. Alguén que está dispoñible para escoitar, que coñece as necesidades do concello e que pon todo o seu esforzo en buscar solucións e facer avanzar Cervo.

Como é a súa relación coa oposición?

Desde o respecto e a cordialidade. É normal que existan diferentes puntos de vista, pero creo que por riba das siglas sempre debe estar o interese dos veciños. Por iso intento manter unha relación baseada no diálogo e no respecto institucional.

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    44 anos, solteira e nai dun fillo.
  • Profesión e formación
    Estudei Fotografía e Informática.
  • E se non foras alcaldesa que che gustaría ser?
    Xornalista. Sempre me gustou comunicar.
  • Que fas para desconectar?
    Gústame saír a facer fotografías e pasear ao aire libre.
  • Unha virtude e un defecto.
    A perseveranza e ás veces son demasiado esixente comigo mesma.
  • Un consello para compartir.
    Escoita sempre ás persoas e nunca deixes de aprender.
  • Un libro.
    Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.
  • Unha película.
    A lingua das bolboretas.
  • Un grupo de música.
    Bryan Adams. Tamén me gusta moito a música galega.
  • Unha afección.
    A fotografía.
  • Un lugar que visitar.
    Cervo, pola súa riqueza natural, cultural e pola calidade da súa xente.
  • Unha comida e unha bebida.
    Un bo cocido galego, e auga ou un bo café.
  • Unha personaxe admirada.
    Rosalía de Castro, polo seu legado e polo que representa para Galicia.
  • Unha posesión prezada.
    As fotografías da miña familia.
  • Un desexo.
    Que Cervo siga sendo un lugar no que as persoas queiran vivir, traballar e formar unha familia.
  • Algo para esquecer.
    Todo aquilo que nos afasta do diálogo e do respecto entre as persoas.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A honestidade, a palabra dada e a capacidade de empatizar cos demais.
  • Como equilibras a vida pública e a privada?
    Intento facelo, aínda que non sempre é doado. A Alcaldía require moita dedicación, pero procuro reservar tempo para o meu fillo, a miña familia e para desconectar facendo o que me gusta.
  • Usas redes sociais e Whatsapp?
    Si. As redes sociais son unha ferramenta útil para informar e estar en contacto coa veciñanza, e WhatsApp forma parte do día a día, tanto no ámbito persoal como no profesional.
  • Un desafío pendente.
    Seguir creando oportunidades para que a xente nova poida desenvolver aquí o seu proxecto de vida e contribuír a fixar poboación no noso concello.
  • Onde te ves en cinco anos?
    Espero seguir sendo útil, traballando con ilusión e responsabilidade por Cervo, estea onde estea. O importante para min non é o cargo, senón poder seguir aportando e servindo á miña veciñanza.
0.38908696174622