A XIV Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia inaugura en Monforte un percorrido polas catro provincias

O Complexo Deportivo da Pinguela acolleu este xoves a saída da primeira etapa da XIV Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia, unha iniciativa que percorrerá as catro provincias galegas ata o 4 de outubro. O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, foi o encargado de inaugurar a xornada, na que participaron arredor de 60 deportistas, adestradores, integrantes da organización e persoal de apoio e seguridade.
A marcha continuará con etapas en Ourense, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa, despois do percorrido inicial por Monforte. No acto de apertura, José Tomé destacou o apoio do Concello a “unha iniciativa que transcende o ámbito deportivo, sendo tamén un evento social” e puxo en valor que a cidade volvese ser escollida para acoller unha das etapas.
O rexedor sinalou tamén que a actividade contribúe a visibilizar as persoas con discapacidade e a súa participación no ámbito deportivo e social. Segundo indicou, falar de inclusión significa “dar oportunidades e facilitar que cada persoa poida desenvolver as súas capacidades e demostrar todo o que é capaz de facer”.
A primeira xornada contou cun itinerario circular de 17 quilómetros, con saída e chegada na Pinguela e paso por diferentes puntos de Monforte e da súa contorna, desde Piñeira ata Ribas Altas.
Na etapa participaron deportistas da Asociación Prodeme e do Club Ciclista Monforte, xunto con representantes de As Burgas, de Ourense; ASPAS, de Santiago de Compostela; e Fundación Eu Son, de Burela. José Tomé destacou a participación conxunta de entidades de diferentes puntos de Galicia e afirmou que “esa é outra das grandes virtudes do deporte: unir persoas, crear vínculos e facer que as diferenzas deixen de ser barreiras para converterse nunha oportunidade de coñecernos, compartir e avanzar xuntos”.
O Concello colaborou coa organización na preparación do percorrido a través do técnico municipal de Deportes, co obxectivo de deseñar unha ruta segura e adaptada ás persoas participantes. A etapa contou ademais cun dispositivo municipal formado pola Policía Local e Protección Civil, así como cun servizo de ambulancia e primeiros auxilios e coa presenza dun médico durante a proba.
Ao finalizar o percorrido celebrouse o acto de clausura, no que o alcalde participou na entrega de trofeos e medallas aos deportistas e participantes. José Tomé felicitou as persoas participantes e lembrou o lema da Marcha Ciclista Unificada coa mensaxe “Quero gañar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”.
A xornada pechouse coa invitación aos participantes a continuar coas seguintes etapas da marcha e coa posta en valor dos 17 quilómetros percorridos en Monforte como unha celebración “do que somos capaces de facer cando traballamos xuntos”.