A Xunta abre á participación cidadá o novo Plan de Seguridade Viaria de Galicia ata 2030

A Xunta de Galicia abriu o proceso de consulta pública do borrador do novo Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2026-2030, un documento estratéxico co que pretende reducir de forma sostida o número de persoas falecidas e feridas graves nos accidentes de tráfico da rede viaria autonómica.
A cidadanía poderá presentar achegas e suxestións ata o vindeiro 1 de agosto, co obxectivo de contribuír á elaboración definitiva do plan. O Goberno galego considera fundamental contar coa participación da sociedade antes da aprobación do documento.
Unha vez rematado o período de consulta e analizadas as propostas recibidas, o Plan será elevado ao Consello da Xunta, onde se solicitarán os informes preceptivos antes de continuar coa súa tramitación ata a aprobación definitiva.
O novo documento dará continuidade ao Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025 e busca consolidar un sistema viario máis seguro, resiliente e adaptado aos cambios nos hábitos de mobilidade. Para iso, aposta pola incorporación da innovación tecnolóxica, a análise avanzada de datos e a avaliación continua como ferramentas para mellorar a seguridade nas estradas.
O plan estrutúrase arredor de cinco grandes eixes de actuación: mellorar a seguridade das infraestruturas viarias, reforzar a protección dos usuarios máis vulnerables, incrementar a seguridade dos vehículos e reducir os accidentes derivados de condutas de risco, promover a educación e a concienciación viaria e garantir unha resposta máis eficaz tras a produción dun sinistro.
Para desenvolver estes obxectivos, o borrador contempla un total de 52 accións que servirán de folla de ruta para a política de seguridade viaria da Xunta durante os próximos cinco anos.